Un agasallo para os sentidos

Categoría: Nova

Onte presentouse na Casa Galega da Cultura de Vigo o libro-disco de César Morán, 'Haberá Primavera. 14 poemas, 14 cancións' nos que o músico interpretar temas de Álvaro Cunqueiro.
Mañá presentarase ás 21:00 h, no Auditorio de Mondoñedo, este traballo que inclúe, ademais, a derradeira entrevista concedida por Cunqueiro, precisamente, a César Morán.
No acto de onte participaron o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, e do autor César Morán, quen interpretou en directo algúns dos temas incluídos no libro en CD xunto a Alfonso Morán (contrabaixo) e Roberto Somoza (saxo).
Francisco López cualificou a obra como "un agasallo par os sentidos, un prodixio de harmonías entre a palabra escrita", e destacou "o deseño editorial, a musicalización exquisita e o labor instrumental impresionante, que arroupa nas gravacións a voz invitada de Uxía Pedreira e a de César Morán". Segundo o director xeral esta é "unha das máis importantes propostas editoriais con motivo do centenario de Álvaro Cunqueiro, unha iniciativa máis que se suma aos múltiples congresos, exposicións, conferencias, faladoiros, representacións escénicas e musicais que se viron realizando ao longo deste 2011 co propósito de recordar e homenaxear ao escritor monfortino".
Pola súa banda, Víctor F. Freixanes lembrou o vencello de Cunqueiro coa nosa editorial, quen está a publicar durante este 2011 un mollo importante de novidades e reedicións de e sobre o autor de Mondoñedo, incluída a exposición 'No niño novo do vento' que, precisamente, estes días está na Casa Galega da Cultura.
Así, neste ano 2011, e coincidindo co centenario do nacemento do poeta Álvaro Cunqueiro, Editorial Galaxia edita un libro de poemas do autor de Mondoñedo, acompañado de dous CDs. O primeiro CD está composto por unha serie de poemas musicados por César Morán, e o outro CD contén a gravación da derradeira conversa concedida por Cunqueiro, precisamente a César Morán, días antes de morrer. Este é un libro-disco que contén unha excelente proposta musical e o acompaña un documento histórico de primeira orde.
César Morán rodeouse de músicos de primeiro nivel (entre os que destaca a voz de Uxía Senlle) para ofrecernos un excelente e elegante traballo que vai namorar aos seguidores de Cunqueiro pero tamén aos amantes da música. Este disco contén composición musicais onde o autor de Mondoñedo está agarimado pola guitarra, a frauta traveseira, o saxo alto, o contrabaixo e a percusión da banda de César Morán, quen presta a súa voz sintonizando á perfección coa lírica contida dos versos de Cunqueiro.
Este é un proxecto innovador que nos presenta a Cunqueiro doutra maneira, unindo literatura, música e un documento sonoro de innegable valor histórico e literario, como é esa derradeira conversa co escritor de Mondoñedo

Comparte nas túas redes sociais ou por email