O pasado venres, 25 de maio, presentáronse na Secretaría Xeral de Política Lingüística as novelas finalistas da XXIV edición do Premio Literario San Clemente Rosalía-Abanca, e na Editorial Galaxia non poderiamos estar máis felices e orgullosos ao descubrir que os tres títulos finalistas na categoría en lingua galega foron publicados na nosa colección Literaria a finais do pasado 2017: Alma e o mar de Francisco X. Fernández Naval, Deixe a súa mensaxe despois do sinal de Arantza Portabales e O xardineiro dos ingleses de Marcos Calveiro.

O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta nova edición volverase a apostar por chegar aos 1000 alumnos lectores en Compostela das novelas gañadoras. Deste xeito, ademais de manter a internacionalización do Premio, a Consellería de Educación e a Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro queren compartir o San Clemente con todos os centros de Galicia e especialmente cos Institutos da cidade de Santiago.

As demais novelas finalistas na categoría de lingua castelá e na de linguas estranxeiras foron: La uruguaya de Pedro Mairal, Los cinco y yo de Antonio Orejudo e Tierra de Campos de David Trueba; e La vegetariana de Han Kang, Solenoide de Mircea Cartarescu e Toda una vida de Robert Seethaler.

Parabéns a todas as obras finalistas e moita sorte!

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR