Tres mulleres protagonizan as novidades da Editorial Galaxia

Categoría: Nova

O outono e a próxima campaña de Nadal traen consigo a novela de Xina Vega, O estado intermedio, co que a autora viguesa debuta en Galaxia. Berta Dávila é outra das protagonistas das novidades desta entidade. Se hai poucas semanas chegaba ás librarías a segunda edición do seu Carrusel, Premio da Crítica 2019, arriba agora o tamén premiado Illa Decepción, galardoado co Premio Repsol de Narrativa Breve. Outro premio que aterriza no mercado é o Illa Nova de Narrativa, que gañou Lara Dopazo co título de relatos O axolote e outros contos.
No ano do centenario da Xeración Nós, a artista Ana Santiso recrea o Alba de Gloria de Castelao, que Galaxia publica en formato álbum. Tamén neste formato, pero para o público infantil, verá a luz Acouga, Babau, de R. J. Peralta e Blanca Millán. O outro aniversario que conmemora a editora é o dos 25 anos de Que me queres, amor?, de Manuel Rivas, reeditado na colección “Xohán Ledo” con ilustracións ao coidado de Diego Estebo.
No apartado dirixido ao lectorado máis novo, O nariz de Fiz, de Miro Villar, e o novo caso da detective Berta Mir creada por Jordi Sierra i Fabra, serán dúas das apostas de Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email