Tres libros de Galaxia, finalistas na XVII edición do Frei Martín Sarmiento

Categoría: Nova

Tres libros de Galaxia, finalistas na XVII edición do certame literiario Frei Martín Sarmiento. Este foi o resultado tras convocarse a próxima edición, que cada vez conta con máis participación entre o alumnado da rede de colexios de Escolas Católicas.
Na categoría infantil, resultou finalista o último traballo de Mamá Cabra, A fraga do meu avó. Un sonárbore fermoso que convida á cativada a tomar conciencia sobre a problemática dos bosques autóctonos e dos espazos naturais. Un traballo cheo de poesía, música e ilustracións para chegar ao corazón de todos e de todas.
Os peloteiros, de Patricia Mallo, está nominado na 3ª Categoría (5º, 6º EP). Este Club de Fútbol, que podería definirse como o peor club na historia dos clubs de fútbol, sendo ben optimistas, calou nos corazóns da rapazada.
Beleza vermella, de Arantza Portabales, está entre as favoritas do público, nominada na 6ª Categoría. Unha novela negra arrasadora. En Santiago cométese un espantoso crime que, en realidade, semella unha obra de arte. Será que matar pode ser unha forma de arte?
Estamos moi felices de que tres dos nosos títulos estean entre os favoritos do público. No mes de abril de 2021 coñeceremos os gañadores e terá lugar o acto de entrega de dito galardón aos recoñecidos. Estamos desexando saber o resultado final!

Comparte nas túas redes sociais ou por email