Tenrura: o libro máis especial de Antón Cortizas

Categoría: Evento, Nova

Estes días chega ás librarías Tenrura, un novo libro de Antón Cortizas, autor tradicionalmente vencellado ao público infantil mais que, desta volta, nos agasalla un texto co que tamén van gozar, e moito, as adultas e adultos. Unha alfaia literaria que serve, ademais, para inaugurar a nova colección da Editorial Galaxia, “Libros para compartir” e que contemplará publicacións en tapa dura, luxosamente ilustradas e con textos pensados, como di o nome da colección, para que xeracións enteiras poidan compartir libros, lecturas e emocións. Porque Tenrura é un libro infantil pero é moitas cousas máis. Na mellor tradición de libros coma O Principiño ou Alicia no País das Marabillas este texto de Antón Cortizas teno todo para convertirse nun libro querido por persoas de todas as idades.
“Tenrura” cóntanos a historia dunha nena que vai ter un irmán. El, por suposto, vive dentro do ventre da súa nai. E vai ter que esperar nove meses… ou non. Porque ela ten un plan para coñecer ao seu irmán antes de tempo. Un libro cheo de maxia, dozura, e moita, moita tenrura. O agasallo perfecto para este Nadal.

Comparte nas túas redes sociais ou por email