O día 10 de febreiro sairá á venda nas librarías de toda Galicia Tantos anos de silencio, de Francisco Castro.

O seu último traballo, é unha novela ambiciosa na que recrea unha época de escuridade, paseos na madrugada, tiros nas cunetas, e corpos que sobreviven en covas debaixo das cociñas, mais tamén de utopías e soños de cambio, revolución e vida mellor. En efecto, todo é un soño feliz no pazo de Flavia ata que o 18 de xullo de 1936 comeza unha guerra que algúns aproveitan para urdir vinganzas que acaban deixando unha pegada misteriosa: unhas fosas comúns que agochan cinco corpos executados dun tiro na cabeza e un sexto esqueleto de muller que abraza contra o peito o libro dun poeta do que ninguén oíu falar. Ánxela, unha investigadora que garda a súa propia historia de violencia e dor, acepta dirixir a excavación das fosas e proponse deitar luz sobre todos os acontecementos dos primeiros días da guerra no pazo, pero axiña desexará tirar tamén do fío da identidade do misterioso poeta e da muller soterrada co libro. A través da investigación de Ánxela, iniciamos unha viaxe apaixonante entre 1936 e os nosos días en que descubriremos que o fascismo superou tempos e fronteiras.

Estades invitadas e invitados a viaxar neste relato violantamente fermoso. Fermosamente violento.

Francisco Castro (Vigo, 1966) é director xeral da Editorial Galaxia. Foi presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É tamén comentarista na prensa e na radio e televisión públicas. É autor de longa traxectoria na que destacan libros como Xeografías, A canción do náufrago, Memorial do infortunio, Xeración perdida, Un bosque cheo de faias, Spam, As palabras da néboa, O ceo dos afogados, Chamádeme Simbad, O corazón da Branca de Neve, In Vino Veritas, Tes ata as 10, Iridium… Posúe a práctica totalidade dos premios literarios de Galicia, como o Frei Martín Sarmiento (en cinco ocasións), o Blanco Amor ou o Manuel García Barros. Escritor para todos os chanzos de idade, a súa obra está traducida a moitas linguas como o catalán, éuscaro, catalán, portugués de Brasil, italiano ou serbio. En 2018 entrou a formar parte da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega.

En Twitter @chamademesimbad

www.franciscocastro.gal

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR