Sinaturas da Editorial Galaxia, o luns, na Feira do Libro de Vigo

Categoría: Nova

Velaquí as sinaturas da Editorial Galaxia que se celebrarán, o luns, na Feira do Libro de Vigo.
19:00 h. Sinatura de Raiolas de sol, de Antonio García Teijeiro.
Unha raiola de sol, por breve que sexa, pode iluminar por completo espazos que quizais permanecían agochados aos nosos ollos.

Todos e cada un dos relatos deste libro de Antonio García Teijeiro son coma esas raiolas: alumean vidas, historias, ofrecen pinceladas luminosas sobre parcelas da realidade que nin imaxinabamos. Unha mestura de personaxes inesquecibles. Vellos músicos e mestres e poetas e mentes curiosas dispostas a cambiar a vida para sempre por un verso, por un beixo, por un acorde. Una das obras máis delicadas de produción, intensa e tamén chea de luz.

20:00 h. Sinatura de O libro da filla, de Inma López Silva.
Un gran thiller político, intimista, sentimental e social.

Helena Sánchez é unha prestixiosa xornalista que acepta investigar o caso de Fernando, un condenado por agresión sexual á súa filla que sostén ser vítima dun complot argallado pola súa ex-muller e que desexa lavar a súa imaxe a través desa reportaxe. No proceso, sairán á luz historias ocultas que quizais é mellor non saber, movendo, a través da pescuda, a unha reflexión sobre a ética da verdade fronte á mentira e sobre a propia felicidade na vida de Helena. A investigación xornalística é, en realidade, o punto de partida para afondar nas vidas e relacións de dúas familias marcadas non só polas particulares trastendas do amor, senón tamén pola irrupción do totalitarismo e a extrema dereita do mesmo xeito calado e sutil en que se introduce na sociedade e na política do noso tempo. O libro da filla é un relato profundo e inquietante en que a autora parte dun caso real de abuso no ámbito familiar para obrigarnos a ollar de fronte o mello e o peor de nós como persoas e como sociedade. Unha novela que afonda no máis meserábel da condición humana a través dunha voz directa e desgarrada que se inmisce de modo íntimo nuns personaxes cos que é imposíbel non identificarse.

Comparte nas túas redes sociais ou por email