Sinatura de “Papá, por que non pintas as unllas de cores?”, de Jorge García Marín

Categoría: Nova

O día 17 de xuño, ás 19:00 h, celebrarase a Sinatura de Papá, por que non pintas as unllas de cores?, de Jorge García Marín, na primeira Feira do Libro 2020, en Santiago de Compostela (Paseo central da alameda).
Educando (construíndo) masculinidades disidentes

Non se nace home ou muller. Apréndese a ser home ou muller. No caso concreto dos homes, aprendemos a ser, ademais, machos, a desenvolver unha serie de roles e de comportamentos que, a estas alturas do século XXI, convén revisar en detalle. Neste libro, Jorge Marín reflexiona sobre a necesidade de deconstruír esa educación que nos fai homes dende unha nova perspectiva, feminista e integradora. É un libro sobre as Novas Masculinidades que temos que empezar, entre todas e todos, a construír para conseguir un mundo máis igual e, sobre todo, homes e mulleres máis felices. Dende a educación formal, os videoxogos, a literatura, os medios de comunicación. Dende mil ámbitos se nos constrúe como homes tradicionais dunha sociedade que debe deixar de ser tradicional. O século actual e os que han vir precisan un novo tipo de masculinidade. Pensar sobre el é xa un xeito de avanzar.
Jorge García Marín é profesor do departamento de Socioloxía da USC. Imparte docencia no máster “Igualdade, xénero e educación” e na actualidade é secretario do CIFEX (Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero). Dende hai casi trinta anos está vinculado a grupos de investigación en temáticas de xénero, sendo as súas liñas prioritarias, dentro dos estudos de xénero, os videoxogos, as identidades virtuais, os relatos fílmicos e as problemáticas asociadas ás masculinidades. Destacamos nesta liña o proxecto I+D “Impacto dos actos comunicativos na construción de novas masculinidades” e o proxecto autonómico “Análise dos roles de xénero nos videoxogos máis demandados polos adolescentes galegos”.

Comparte nas túas redes sociais ou por email