Hoxe déronse a coñecer as obras finalistas nos Premios da Gala do Libro Galego 2020, na que destacan seis obras da nosa casa editorial.
Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane, na categoría de Ensaio e investigación, e Iniciativa bibliográfica. A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Castro Rivadulla Fernández, en Divulgación. Carrusel, gañadora do Premio García Barros 2019, de Berta Dávila, nominada como a mellor obra en Narrativa. Antonio García Teijeiro, na sección Infantil, está nominado con Bicos e non balas, e Chus Pato, en poesía, por Un libre favor. No apartado de Teatro, Atranco no banco, de Manuel Núñez Singala, tamén é unha das obras candidatas.

A Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan a quinta edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar o sábado 9 de maio de 2020 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2019 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, polo tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo.
A Gala do Libro Galego conta co apoio de CEDRO, da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación Provincial da Coruña.

Agardamos con moitas ganas polos resultados desta escolma na que os nosos libros compiten nun ámbito de alta calidade.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR