Coa elección de Antón Fraguas como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2019, lembramos que plataforma de crítica literaria feminista A Sega xa dera a coñecer o pasado febreiro o nome da homenaxeada no seu Día das Galegas nas Letras, unha proposta alternativa que este ano estará dedicada á escritora María Campo.

Din dende A Sega que o Día das Galegas nas Letras “busca celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular”, unha data sinalada no mapa co 15 de agosto dende o 2014, e que este ano 2018 homenaxeará a Marica Campo, tal como recalcaban a través da aparición dun manifesto de enorme contido literario na web da plataforma:

“Hai autoras que son coma os ollos das patacas, como patacas con ollos, que dende a súa leira e o seu campo van tirando das que estaban aí, das que están ao lado. Sen preguntar de onde es ou que tipo de pataca serás no futuro, abren os seus ollos para abriren ollos en ti. Porque delas aprendemos cada unha que unha pataca soa non fai campo e que se precisan moitas para producir a vida e o alimento. Que con ese traballo de tubérculo alimenticio rachamos os marcos e invadimos novas leiras. As autoras dos ollos das patacas abren fendas no terrón seco do presente, co seu compromiso coa lingua, cos lugares e coas mulleres, sen dubidar un segundo en proporcionar anacos de si a quen teña terra que acollelos.

E nosoutras, que somos segadoras, agardamos as patacas. Queremos ser patacas con ollos. Que fillen tantas outras cálidas, profundas e combativas coma ela. Coma a Nosa Señora das Letras Marica Campo”.

Marica Campo (Val do Mao, O Incio, 1948) é autora dunha obra na que están presentes de xeito destacado todos os xéneros: a poesía, a narrativa, o teatro e a literatura infantil e xuvenil. Precisamente un título infantil, Noutra dimensión, aparecía en 2011 na colección Árbore da Editorial Galaxia.

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR