Durante 17 anos foi director da Editorial Galaxia, e dende 1989 ata o seu falecemento en 2002 director da revista GRIAL, mais sobre todo foi una das personalidades máis activas da vida cultural da Galicia do derradeiro tercio do século XX e unha das figuras máis sobranceiras das nosas letras. Os libros de Carlos Casares, tanto para adultos como para o público infantil, son títulos de referencia obrigada na literatura galega.
O Liceo de Ourense, a Fundación Carlos Casares e Editorial Galaxia, coa colaboración doutras institucións, inauguraron o pasado sábado, 8 de marzo, un Roteiro Literario por algúns espazos da cidade especialmente relacionados coa vida e obra do escritor. Dirixe o evento o historiador Alfonso Monxardín e participarán no mesmo admiradores e amigos de Casares, que tiveron relación coa súa obra.
O Roteiro consta de 19 paradas e comenza na casa onde naceu o escritor o 24 de agosto de 1941, remata na zona vella e recrea, a través de textos literarios, momentos significativos na biografía do homenaxeado relacionados coa cidade, na que transcorren moitas escenas da súa literatura e moitos dos seus personaxes literarios. O mundo literario de Carlos Casares está profundamente vencellado á cidade de Ourense e algunas zonas da provincia, principalmente a Limia e o Ribeiro..
A presentación do Roteiro Literario realizouse nun acto público o sábado, as 17,30 horas, nos salóns do Liceo de Ourense, institución moi querida por Casares. Dende alí visitaranse algúns dos lugares de referencia. A intención dos promotores é deixar un percorrido establecido e documentado, con textos e referencias fotográficas, para visitantes, estudantes e admiradores da obra do autor de "Os escuros soños de Clío" e "llustrísima".

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR