O pasado venres celebrouse en Barcelona o seminario Rosalía de Castro. Unha musa fecunda, organizado pola área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela, o Centre Dona i Literatura e a área de Estudis Gallecs i Portuguesos da Universitat de Barcelona.
A xornada contou coa presenza de investigadoras galegas e catalás como Margarita García Candeira, María do Cebreiro Rábade, Dolores Vilavedra, Helena Miguélez-Carballeira, Joana Masó ou Isabel Clúa.
As sesións matinais estiveron dedicadas ao estudo da obra narrativa da autora galega e á análise da conciencia de escrita de Rosalía de Castro a partir das novas lecturas dende xénero.
Pola tarde a gran protagonista foi Catherine Davies (The Nottingham University), que en 1987 publicou Rosalía de Castro no seu tempo, editado pola editorial Galaxia. Este ensaio erixiuna nunha figura fundamental nos estudos rosaliáns, despois de obter unha gran recepción entre a crítica.
A autora someteuse, primeiramente, a unha rolda de preguntas que lle trasladaron María Xesús Lama e Dolores Vilavedra. A conversa distendida serviu para que relatase como foi a xestación deste ensaio, as trabas que atopou na procura de material, como chegou a Rosalía despois duns anos vivindo en Vigo, como aprendeu a lingua de Follas Novas co Gallego 1 e como, dende o Reino Unido, lle enviou o texto definitivo a Ramón Piñeiro que llo devolveu tempo despois en forma de libro.
O seminario concluíu coa conferencia "Rosalía de Castro no contexto do século XIX en España e Hispanoamérica", impartida por Catherine Davies. Ante unha sala chea debuxou o panorama político, social, literario e económico no que escribía a autora de Cantares Gallegos. Recoñeceu, finalmente, que, vinte e cinco anos despois de ter escrito Rosalía de Castro no seu tempo, rectificaría algunhas ideas e ofrecería unha lectura anovadora nalgúns aspectos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR