Un 15 de xullo do ano 1885 finaba en Padrón Rosalía de Castro. E como todos os 15 de xullo, celebraranse por toda a xeografía galega actos de lembranza e homenaxe á nai fundacional da nosa literatura moderna. Unha figura, a de Rosalía de Castro, máis grande e máis mítica a cada ano que pasa.
Este ano foi unha xeira especialmente intensa en actividade rosaliana ao cumprirse 175 anos do seu nacemento. O que vén non o será menos, pois chegará o 150 aniversario de 'Cantares Gallegos', a obra coa que se iniciaba o Rexurdimento.
Daquela, o 2013 vai ser prolífico tamén en actos e publicacións de todo tipo, efeméride á que a nosa editorial non vai ser allea.
Mais mentres, neste 2012 que camiña dubidoso cara un verán que non chega, publicamos hai pouco, 'Rapoemas', da rapeira Aid, un libro-disco no que os clásicos da literatura nosa soan a ritmo de rap e no que Rosalía de Castro ocupa a metade da escolla de temas.
Como sinala Aid, o tipo de composición de Rosalía de Castro, así como a súa forza -especialmente visible en temas como 'A xustiza pola man'- fan da súa lírica material perfecto para o rapeo,
Rosalía sempre.
Con ritmos novos, sempre.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR