Rolda de prensa de “Cartografías da narrativa galega contemporánea”

Categoría: Nova

O día 7 de setembro, ás 11:00 h, celebrarase, na Sala Sarmiento do Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, unha rolda de prensa para presentar o libro gañador do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019, Cartografías da narrativa galega contemporánea, de Xaquín Núñez Sabarís.
Acompañando o autor, asistirán ao encontro, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, o director xeral de Caixa Rural, Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón, e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.
PREMIO RAMÓN PIÑEIRO DE ENSAIO 2019

O thriller xacobeo, a novela policial e a narcoficción son os casos singulares a partir dos que Xaquín Núñez Sabarís efectúa un percorrido pola cartografía da narrativa galega actual. Expresados a través da literatura, as artes escénicas, o cinema e a televisión, e con localización específica en Compostela, Vigo e as Rías Baixas. Tres casos e tres escenarios nos que se enfoca o método trasmedial e cartográfico adoptado, co que se facilita a análise da transformación dunha cultura. O eixo temporal, que broslaba o relato da nación, trasládase ao espacial, fragmentado o espazo simbólico da representación en unidades maís atomizadas. A cidade actual recolle, en esencia, o legado da tradición narrativa para redeseñar a organización xeoliteraria da Galicia contemporánea.
Xaquín Núñez Sabarís é profesor titular da Universidade do Minho e membro do Centro de Estudos Humanísticos desta universidade e do Grupo de Investigación Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela. A súa actividade de investigación, divulgada en libros e revistas científicas internacionais, céntrase nas novas narrativas (literarias e fílmicas), no estudo comparado da recepción teatral e montaxes escénicas nas literaturas ibéricas eno estudo e edición da obra de Valle-Inclán.

Comparte nas túas redes sociais ou por email