Ricardo Carvalho Calero: Letras Galegas 2020

Categoría: Nova

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), escritor, historiador da literatura, crítico literario, lingüista e filólogo, foi escollido hoxe polo pleno da Real Academia Galega como o persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2020.
Primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, doutor en Letras pola Universidade Central de Madrid, foi o secretario do Seminario de Estudos Galegos e partillou os principios políticos do Partido Galeguista (1931). Foi membro numerario da Real Academia Galega. A partir de 1970 foi o principal teorizador e defensor das teorías do reintegracionismo lingüístico co portugués como vía para a normalización do galego. Do seu traballo académico destacan, entre moitos outros, a Historia da literatura galega contempóranea (1963, 1975) e mais Estudos rosalianos (1979), ambos publicados pola Editorial Galaxia. Como poeta, iniciouse en castelán con Trinitarias (1928) e La soledad confusa (1931), para continuar en galego con Vieiros (1931) e O silenzo axionllado(1934) ata a súa madurez en Anxo de terra (1950). Como prosista abriu a xeira da novela galega da postguerra con A xente da barreira (1950, Premio Bibliófilos Gallegos). Tamén cultivou o xénero dramático de xeito continuado dende 1936.
Ao longo do vindeiro curso, Galaxia recuperará a súa obra histórica publicada no noso catálogo, dará ao prelo unha biografía de Carvalho Calero dentro da nosa colección Letras Galegas, e levará a cabo campañas de difusión da obra e a vida do homenaxeado nos centros de ensino e os espazos públicos.
 
Fotografía: Arquivo da RAG
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email