A revolución vertical de Ngugi wa Thiong’o agora tamén en galego

Categoría: Nova

Esta obra, traducida a máis de 80 linguas chegaba ás librarías esta mesma semana de xeito simultáneo en todas as linguas do estado. Traducido por Xosé Álvarez Alonso e ilustrado por Agustín Comotto.
A revolución vertical narra a formación do corpo humano coma unha discusión entre as súas partes. Brazos e pernas quererán demostrar que son o máis importantes nunha competición que terá de testemuñas ao resto de animais. Os animais tomaranos por tolos, e as outras partes do corpo quererán dicir o que opinan. Como acabará todo?
Ngugi wa Thiong’o asina esta homenaxe á tradición da literatura oral e a ese máxico momento compartido que supón lerlle aos demais. O conto trata sobre a igualdade e a cooperación. A competición entre brazos e pernas planteará a necesidade de axudarnos os uns aos outros. Dalgún xeito, as nosas direrenzas son tamén as nosas fortalezas.
Presentámosvos, pois, un conto ilustrado por Agustín Comotto que sae á venda no estado español ao mesmo tempo en seis linguas:  aranés (Pagés), galego (Galaxia), euskera (Txalaparta), asturianu, català e castelán (Rayo Verde). Todos eles en edicións bilingües en kikuiu, o idioma do orixinal.
Ngugi wa Thiong’o (Kenia, 1938) naceu nunha familia do rural e durante a súa infancia e adolescencia viviu baixo o dominio colonial británico ata a revolta da guerrilla Mau Mau (1952-1962), que conduciu á independencia do país. A partir do seu ingreso na comunidade universitaria, Ngugi inicia unha serie de reflexións arredor da concepción académica das culturas e literatura africanas; esas ideas serviron de base para moitas das chamadas teorías poscoloniais, que co tempo contribuirían a realzar a personalidade cultural singular dos territorios africanos despois do colonialismo europeo.
Dende 1962 Ngugi deuse tamén a coñecer como escritor polifacético e activista social; e as súas obras foron centrando cada vez máis a atención nos problemas políticos culturais e sociais de Kenia, razón pola que sufriu unha persecución política dentro e fóra do país, permanecendo no exilio entre 1982 e 2002. A partir de 1981 priorizará como lingua de creación literaria o gikuyu, a súa lingua materna, fronte ao inglés.
Actualmente Ngugi wa Thiong’o é profesor de Inglés e de Literatura Comparada na Universidade de California (Irvine) e ten sido candidato ao Nobel de Literatura en diversas ocasións.

Comparte nas túas redes sociais ou por email