A partir de hoxe quedará instalado, na Casa Galega da Cultura de Vigo, onde ten a súa sede a Fundación Penzol, o gabinete de Ramón Piñeiro, berce socrático para xeracións de galeguistas que coñeceron con el, ao redor dunha mesa que era tamén un xeito de sentir a terra, o significado da conciencia de Galicia. Neste cuarto, dende os anos máis duros da posguerra ata a transición política e a consolidación da autonomía dos anos 80, traballouse de xeito incansable a prol da lingua galega e da recuperación da identidade cultural e política de Galicia.

O gabinete estaba situado na rúa Xelmírez, 15, en Santiago de Compostela. Dende hoxe poderá visitarse con carácter definitivo na Casa Galega da Cultura de Vigo, na sede da Fundación Penzol, institución promovida en 1963 polo grupo Galaxia, e onde están instalados os fondos históricos, bibliográficos e documentais do galeguismo do século XX.
Trátase dunha recreación, promovida polos equipos da propia Fundación Penzol, coordinados por Henrique Monteagudo, María Dolores Cabrera e Xosé Soutullo (Merlín Comunicación), con escenografía de Rodrigo Roel, na que se recuperan as estanterías, anaqueis, mesa braseiro, cadros, libros e mobiliario que pertenceron no seu día a Ramón Piñeiro. Colaboraron nestes traballos o Concello da cidade viguesa (Concellería de Cultura) e a Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR