Dende hoxe queda aberto o prazo para inscribirse nos Obradoiros da Escola de Letras que impulsan a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia. Para formalizar a inscrición hai que enviar un correo electrónico indicando o nome da persoa interesada no ASUNTO e no corpo do correo, en cal se quere un matricular. Haino que enviar á conta de correo escoladeletras@editorialgalaxia.gal A inscrición formalizarase por estricta orde de chegada das solicitudes ata completar o aforo de cada curso. De seguido, vai a relación dos obradoiros e as cidades nas que se celebrarán. Todos os cursos se impartirán nas sedes da Deputación en Vigo e Pontevedra en horario de 19.30 a 21.30.

(COMPLETO) ESCRITA CREATIVA CON… FRANCISCO CASTRO (Pontevedra).

Duración: dende o día 21 ata o 22 de setembro

21 de setembro

22 de setembro

OBRADOIRO LITERARIO PARA MAIORES CON… FRANCISCO CASTRO (A partir de 60 anos, Vigo).

Duración: dende o día 7 de setembro ata o 16 de decembro

7 de setembro

5 de outubro

20 de outubro

4 de novembro

17 de novembro

1 de decembro

15 de decembro

16 de decembro

(COMPLETO) ESCRITA CREATIVA CON… DIEGO GIRÁLDEZ (Vigo)

Duración: dende o día 8 de setembro ata o 26 de outubro

8 de setembro

28 de setembro

14 de outubro

19 de outubro

26 de outubro

(COMPLETO) OBRADOIRO LITERARIO CON… INMA LÓPEZ SILVA (Vigo)

Duración: dende o día 2 de novembro ata o 21 de decembro

2 de novembro

9 de novembro

16 de novembro

23 de novembro

30 de novembro

9 d decembro

14 de decembro

21 de decembro

(COMPLETO) OBRADOIRO LITERARIO CON… INMA LÓPEZ SILVA (Pontevedra)

Duración: dende o día 3 de novembro ata o 22 de decembro

3 de novembro

10 de novembro

17 de novembro

24 de novembro

1 de decembro

10 de decembro

15 de decembro

22 de decembro

 

(COMPLETO) OBRADOIRO DE POESÍA CON… ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO (Vigo)

Duración: dende o día 16 ata o 17 de setembro

16 de setembro

17 de setembro

 

OS PROFESORES:

Diego Giráldez (O Porriño, 1976) leva toda a súa vida profesional vinculado ao xornalismo. Dirixiu distintos xornais e revistas, e  colaborou como columnista de opinión en medios como A Nosa Terra, A Peneira e Xoral de Galicia, e, a través de reportaxes culturais, con El País. Na actualidade escribe para o diario dixital Praza Pública e a revista Luzes e dedícase profesionalmente á comunicación corporativa. Licenciado en Historia da Arte, ten varios traballos publicados, que van dende a arquitectura ata a historia económica. Sen renunciar á creación literaria, con vinte anos participou, canda outros autores, no poemario Baldío. Máis tarde, en 2016, saía á luz Galería de saldos, o seu primeiro traballo literario de narrativa. Este libro de relatos valeulle o aplauso unánime de crítica e público, sendo elixido “Autor galego do ano” polo lectorado da revista Fervenzas Literarias. En 2019, Galaxia publicou Hotel para coleccionistas discretos. En 2010, gañou o Premio Literario “José Saramago” de relato curto. Ese mesmo ano recibiu na súa localidade de nacemento o Premio Círculo “Cultura”. En 2015, fíxose co primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves “Modesto R. Figueiredo” e un ano despois gañou o prestixioso premio literario “Manuel Murguía”.

Inma López Silva naceu en 1978 en Santiago de Compostela. É unha das novas narradoras galegas máis destacadas. A súa novela Neve en abril gañou o Premio Rúa Nova en 1996. Seguiron os relatos de Rosas, corvos e cancións. Con Concubinas obtivo o Premio Xerais 2002. No 2007 publicou New York, New York, diario dunha estadía na cidade norteamericana, que despois foi traducido para o castelán.

Desde moi nova soubo que a literatura sería a súa canle para ver e expresar o mundo. Moi pronto, no ano 96, gaña o Premio Rúa Nova, convocado pola Biblioteca Nova 33, de Santiago. Ese primeiro froito literario sorprendeu a lectores e crítica pola madurez que evidencia unha novela que recupera o drama nunca suficientemente contado da Guerra Civil. Neve en abril foi o libro que mereceu o dito galardón e que no 2005 renace en Galaxia como libro aberto a lectores de todas as idades, tamén aqueles que están a piques de comezar o seu percorrido pola vida adulta. Inma, ademais de escritora, destaca como crítica e investigadora teatral, colaboradora habitual en numerosas publicacións periódicas e científicas. Actualmente é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.

Coa novela Memoria de cidades sen luz, publicada por Galaxia, obtivo o Premio Blanco Amor 2007. Posteriormente foi recoñecida co premio AELG como mellor obra de narrativa 2008 e o Arcebispo San Clemente como mellor novela en galego 2008. En 2016 recibiu o Premio Insua dos Poetas como recoñecemento aos seus 20 anos de carreira literaria.

Antonio García Teijeiro naceu en Vigo en 1952. É profesor, escritor e crítico de literatura infantil. Galardoado co Premio Merlín por Na fogueira dos versos, entrou na Lista de Honra do IBBY e concedéuselle o Premio Pier Paolo Vergerio da Universidade de Padua (Italia), un dos máis prestixiosos de Europa. Co poemario Arredor do teu corpo gañou o Premio Illas Sisargas. Pero estes son só algúns dos moitos recoñecementos que atesoura. Algúns dos seus poemas foron musicados por grupos de Galicia e por músicos como Antón Seoane e Paco Ibáñez. Mantén unha intensa actividade na rede dende o blog Versos e aloumiños. Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2017.

Francisco Castro (Vigo, 1966) director xeral da Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes. É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas, e Un bosque cheo de faias, que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam que publica Galaxia. En 2007 resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa, publicado por Editorial Galaxia. No mesmo ano publica ‘O ceo dos afogados’ que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano. En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García ‘Borobó’ polo seu artigo titulado ‘Borobó despedido’. No eido da narrativa infantil e xuvenil é autor de Chamádeme Simbad (2009), Premio Frei Martín Sarmiento e lista de Honra do IBBY, e O segredo de Marco Polo (2010). En 2013 resultou gañador do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia pola súa obra O corazón da Branca de Neve e, en 2014, publicou a novela xuvenil Tes ata as 10, obra que recibiría o Premio Frei Martín Sarmiento en 2016. En 2018 entrou a formar parte da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR