Redescubrir ÁRTICO

Categoría: Nova

Primeiro libro de Xavier Queipo e Premio da Crítica española en 1991, Editorial Galaxia publica unha nova edición, revisada e ampliada, de 'Ártico 2.0'. O libro de relatos co que se deu a coñecer o autor de 'Malaria sentimental' retorna ás mans de lectores e lectoras nunha nova versión que provoca unha nova lectura: a redescuberta dun xeito de narrar que durante estes últimos vinte anos endexamais deixou de sorprender pola súa capacidade de contar o mundo coma quen o ve por primeira vez.

A cada unha das diferentes seccións do libro, con títulos coma "Ártico", "Outros mares" e "Terra adentro", que sitúan o lector perante un horizonte xeográfico e narrativo, engádeselles nesta versión nova un conto, mentres que a parte titulada "Terranova" abrolla con tres relatos non incluídos anteriormente no libro. Todo o conxunto compleméntase cun texto arredor de "Algunhas reflexións sobre literatura e mar". A experiencia viaxeira do autor, o seu coñecemento da historia do mundo mariño, e a súa ollada curiosa, redescobren aos lectores aspectos imprevisibles, relatos inauditos, realidades descoñecidas.

A pegada do mar e dos océanos xeados, unha constante na narrativa de Queipo, sitúase baixo a sombra tutelar de Borges e Jack London, de Conrad e Francisco Coloane. Cunha gran capacidade para pousar a ollada no que normalmente pasa desapercibido, Xavier Queipo é extraordinariamente sensible aos matices da diferencia e exprésaos trasladando ao texto a paixón científica polo coñecemento e a comprensión das realidades diversas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email