Recoñecemento internacional para Agustín Fernández Paz

Categoría: Nova

"Polo seu compromiso cos valores humanos universais e o seu papel determinante na construción dunha literatura infantil e xuvenil en lingua galega", o escritor Agustín Fernández Paz é o gañador do VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, dotado con 30 mil dólares, que será entregado no marco da 25 Feira Internacional do Libro de Guadalaxara.
Nacido en Vilalba, Galicia, en 1947, Agustín Fernández Paz é autor de máis de 45 obras dirixidas aos lectores infantís e xuvenís. Os seus libros, escritos orixinalmente en galego, tradúcense habitualmente ao español, o catalán e o eúscaro, ademais do coreano, o portugués, o francés, o árabe e o italiano. O xurado que lle outorgou o premio estivo integrado polos escritores e académicos Verónica Abud, Julia Calzadilla, Teresa Colomer, Alicia Molina e Xavier Senín, quen destacaron do autor "a súa extensa obra narrativa, que aborda unha gran diversidade de xéneros e temas".
Fernández Paz foi recoñecido en dúas ocasións como Mellor Autor do Ano (en 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia, e en 2007, pola Asociación Galega de Editores). Tamén obtivo o Premio ao Mellor Libro Infantil do Ano, que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. O seu libro 'O único que queda é o amor' obtivo en 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que concede o Ministerio de Cultura de España. Na súa acta, o xurado do referiu que o gañador "constrúe personaxes entrañables […] e ambientes onde se destaca a presenza do misterio na vida cotiá".
Fundado en 2005 co obxectivo de impulsar a literatura infantil e xuvenil en Iberoamérica, o Premio SM é convocado anualmente pola Fundación SM, o Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC), a International Board on Books for Young People (IBBY), a Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO/OREALC), coa colaboración da FIL Guadalaxara. Os gañadores anteriores foron Juan Farias, Montserrat do Amo e Gili, Bartolomeu Campos de Queirós, María Teresa Andruetto e Laura Devetach.
A entrega do VII Premio Iberoamericano SM da Literatura Infantil e Xuvenil será o martes 29 de novembro en Guadalajara.

Comparte nas túas redes sociais ou por email