Ramón Villares recibe o Premio Mondoñedo ao Mellor Ensaio da Década

Categoría: Nova

Identidade e afectos patrios de Ramón Villares foi a obra escollida na categoría de Mellor Ensaio da Década no Premio Mondoñedo 10. O premio resolveuse este domingo 13 e a entrega do galardón realizarase o domingo 20 de outubro. Este galardón convoca cada ano unha categoría literaria e valora as obras publicadas na década precedente á convocatoria.
Moi singular, o Premio Mondoñedo 10 foi creado co obxectivo de seleccionar os dez libros de referencia dunha década na cultura galega. Dende a Editorial Galaxia estamos moi felices de que un dos nosos libros forme parte desta proposta de referencia da literatura galega do século XXI.
Os ensaios reunidos neste libro teñen un elo común, que é indagar sobre o proceso de creación e bloqueo da identidade galega e a formación dunha narrativa de Galicia como nación cultural.

O obxectivo é descubrir valores, prácticas e símbolos que cohesionan unha comunidade, de modo que importan menos os feitos históricos e máis os procesos de construción deses símbolos e valores, nos que se advirten ademais momentos de mutación, de resignificación e dunha funcionalidade cambiante. A construción dese repertorio simbólico foi obra, en xeral, de estados-nación que “nacionalizaron” a súa poboación mdiante a escola, o exército, os conflictos territoriais e, ás veces, a relixión. A orixinalidade do caso galego está en que monumentos, festas patrióticas e lugares de memoria foron promovidos por grupos minoritarios que tiveron un apoio esencial das colectivdades de emigrantes en América. Heroes como Pardo de Cela, mártires como os de Carral, líderes ou  “traidores” como Xelmírez, bardos como Pondal, referentes próximos e distantes como Portugal ou himno e bandeira son fitos que van marcando o territorio desa identidade construída sobre herdanzas do pasado, como unha “comunidade imaxinaria” proxectada cara ao futuro.

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email