Despois da súa tradución ao castelán e ao portugués da man de Mar Maior e Mar Maior Brasil, Historia de Galicia chega a Francia baixo o título Terre de Galice. Histoire d’un Finistère européen, publicado por Presses Universitaires de Rennes.

Historia de Galicia é xa unha obra que obtivo unha enorme repercusión entre os lectores do país. Nela, Villares fai unha aproximación, dun modo ameno e documentado, á historia de Galicia e á súa cultura: dende as raíces atlánticas e celtas á Romanización, a forte influencia da cultura cristiana, o Camiño de Santiago, os conflitos sociais e civís que marcaron o camiño da modernidade, as transformacións sociais da Galicia contemporánea, a emigración…

Un libro de interese tanto para galegos como para aqueles que non o son. Concibido cunha forma de ollar nova, máis complexa e rica, atenta á historia da cultura e arrequentada polos coñecementos que a investigación histórica nos achegou nos últimos vinte anos, Historia de Galicia engade como novidade unha visión das diferentes épocas. Ademáis, inclúe tamén un capítulo especial sobre a historia da emigración galega en Buenos Aires.

Galicia amplía unha vez máis as súas fronteiras achegándose ao público francés baixo esta nova traducción: Terre de Galice. Historie d’un Finistère européen e dende Galaxia esperamos que teña tan boa acollida como a que tiveron as edicións anteriormente publicadas.

Ramón Villares (Xermade) é un dos historiadores galegos de maior prestixio e cómpre salientar a súa faceta de divulgador da historia de Galicia baixo títulos como o mencionado neste artigo ou outros como A historia. Foi presidente do Consello da Cultura Galega (2006-2018), decano da Facultade de Xeografía e Historia (1986-1990) e reitor da Universidade de Santiago de Compostela (1990-1994) . Foi tamén galardoado con múltiples premios ao longo da súa traxectoria profesional, como o Premio da Crítica Galicia na modalidade de ensaio; o Premio Fernández Latorre; e máis recentemente, no 2018, o Premio da Cultura Galega de Proxección Exterior.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR