Hoxe, Ramón Cabanillas e Piñeiro protagonizarán a vida cultural galega coa apertura dunha exposición arredor do primeiro en Vigo e a presentación do libro de Miguel Barros sobre o segundo en Nigrán.
Así, por unha banda, ás 13 horas, na Casa Galega da Cultura de Vigo procederase á inauguración da exposición titulada 'A roseira dos recordos'.
A Editorial Galaxia, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Vigo inauguran esta exposición que percorre a figura e a obra de Ramón Cabanillas e que se inaugurou hai uns meses en Cambados.
Dende a nosa web podes descargar completos os contidos desta mostra sobre Ramón Cabanillas.

Por outra banda, Miguel Barros presentará en Nigrán, no Salón de Plenos ás 20 horas, o seu extenso traballo, resultado da súa tese de doutoramento, arredor da vida e obra de Ramón Piñeiro, titulado 'Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo', acompañado polo Alcalde de Nigrán, Juan José Hermida Lago.
A xornada cultural galega, xa que logo, gravitará hoxe arredor de dous persoeiros esenciais para entendermos o noso país e, no fondo, para entendérmonos nós mesmos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR