"Unha obra para un país" en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

Este luns tivo lugar no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela a inauguración da mostra "Unha obra para un país. Fermín Penzol (1901-1981) – Francisco Fernández del Riego (1913-2010)" na que interviron Xesús Vázquez, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais Francisco Durán, vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela, en representación do reitor da mesma. Ámbalas dúas institucións, esta última en colaboración co seu Consello Social, fixeron posible coas súas respectivas axudas e subvencións a viabilidade e instalación da citada mostra.
Pronunciaron tamén unhas palabras pola Fundación Penzol, promotora da mesma, o seu director, Francisco Domínguez, e Malores Villanueva Gesteira, co-comisaria da mesma xunto con Malós Cabrera Iglesias e Henrique Monteagudo Romero. E outrosí, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que puxo en valor tanto aos dous egrexios persoeiros, aos que tivo o privilexio de coñecer e tratar en vida, como á biblioteca-arquivo da Fundación, da que se declarou asiduo usuario.
Entre o numeroso público que tivo a ben asistir ao matutino evento cómpre salientar a presenza de Rosa Fernández del Riego, irmá de don Paco, e mais de Xulio Souto, sobriño de Fermín Penzol.
Dende a ligazón da dereita podes acceder á galería fotográfica do facebook.

Comparte nas túas redes sociais ou por email