"Un home na escuridade"

Categoría: Nova

O día 2 de setembro estará nas librerías a edición galega de Un home na escuridade, a nova novela de Paul Auster. A lingua galega participa dese xeito, a través de Editorial Galaxia, no lanzamento mundial desta novela, aínda inédita en lingua inglesa, que se publicará en galego ao mesmo tempo que Editorial Anagrama a publica en castelán.

Na súa nova novela, Paul Auster enfróntase ás pantasmas da sociedade contemporánea cunha trama que conxuga a historia de August Brill, un crítico literario retirado que padece insomnio, coa duns Estados Unidos sumidos nunha nova guerra civil logo da secesión dalgúns estados por causa dos resultados electorais do ano 2000. Nun xogo fascinante despréganse dúas novelas; nunha delas, o protagonista é Owen Brick e o escenario uns fantasmais EUA, sen guerra de Irak nin Bush, sumidos nunha contenda civil. Auster sitúanos así perante unha retorta e reveladora versión da política americana actual e dos seus dilemas éticos. A outra é a «novela familiar» do narrador, na que August Brill nos conta e se conta a súa propia vida, descobre e descóbrenos, detective insomne e desolado, dilemas, amores, segredos e traizóns.

Con este novo lanzamento, Editorial Galaxia continúa a liña de publicar en galego, ao mesmo tempo ou antes ca en castelán, as novidades máis importantes da actualidade literaria internacional.

Comparte nas túas redes sociais ou por email