"O voto emigrante" na Feira do Libro da Coruña

Categoría: Nova

O libro sobre O voto emigrante, recentemente editado na colección de Ensaio, reafirma o seu interese. A recente reforma do Código Civil recoñece a posibilidade de que os netos dos emigrantes poidan adquirir a nacionalidade española. Aínda que as forzas políticas galegas non se poñen de acordo respecto do dereito ao voto da emigración.

A cuestión é polémica e non todos están de acordo. Hai argumentos variados. ¿Existe a Galicia exterior? E se realmente existe, como os feitos parece que demostran, ¿como recoñecer os seus dereitos políticos? A recente reforma dalgúns artigos do Código Civil, que o goberno de España vén de incorporar á Lei de Adopción Internacional aprobada o venres (15 de xuño) no Consello de Ministros, recoñece o dereito á nacionalidade española dos netos dos emigrantes, aínda que os seus pais nunca estivesen en España.

Segundo datos da Secretaría Xeral de Emigración, isto afecta aproximadamente a 150.000 netos de galegos residentes no exterior, cifra que, de concretarse, habería que sumar aos aproximadamente 500.000 emigrantes galegos que actualmente dispoñen de dereito a voto e poden exercelo dende o exterior (non se contan nesas cifras os galegos que residen noutras comunidades dentro de España). A poboación emigrante, recoñecida coa nacionalidade española, segue pois a medrar.

O libro de Anxo Lugilde, O voto emigrante, recentemente editado na colección ENSAIO de Galaxia, aborda esta cuestión dende un plano actual e histórico. Tamén dende unha perspectia comparada, pois non é Galicia a única sociedade que vive esta situación. México, Polonia, os Estados Unidos, Italia, Francia, etc., abordan o tema con distintas fórmulas. En países como Cabo Verde o voto emigrante mesmo chega a decidir o presidente de goberno.

As forzas políticas galegas intentaron unha fórmula común para racionalizar o dereito ao voto da emigración, mais non houbo acordo. O BNG retirouse das conversas, disconforme coas posicións do PsdeG-PSOE e do PP que, segundo os nacionalistas, se limitan a regulamentar o voto en urna sen querer entrar no fondo do asunto. Segundo as outras forzas, a postura dos nacionalistas conculca ou quere reducir os dereitos políticos da comunidade no exterior.

A cuestión segue aberta e de seguro que ha seguir aberta nos próximos tempos. O libro de Anxo Lugilde ofrece información, datos e perspectivas extraordinariamente útiles para a comprensión dun problema que cada vez estará máis vivo no século XXI e que afecta moi especialmente a comunidades como a galega, cunha elevadísima porcentaxe de fillos e netos de naturais que, sobre todo en América, manifestan o seu desexo de participar na vida do seu país de orixe (que neste caso é o país da memoria dos seus pais ou dos seus avós).

Comparte nas túas redes sociais ou por email