"O branco país sen neve" e "A serea do mundo", de Encarna Otero, chegan ás librerías

Categoría: Nova

Cando se lle pregunta á autora que quixo transmitir ao escribir estas dúas historias, contesta: "Os retallos cosidos co fío dos soños teñen moitas cores e ademais brillan de xeito diferente segundo a luz que teñan os ollos que os miran; mais tamén a súa textura varía segundo sexa a tenrura dos dedos que acariñan; desta materia están feitos A serea do mundo e O branco país sen neve.

Os libros están protagonizados por seres que buscan compartir risos e soños con todas as lectoras e lectores. Historias, segundo Encarna Otero, "ledas e algo pillabanas". Nos dous álbumes sobrancea a ilustración de Elisa Gallego, quen consigue que o lector sinta toda a maxia que atesoura o seu interior. Por iso Encarna Otero subliña: "Eis o que fai a amizade, a tenrura e a complicidade da escrita e do debuxo, da imaxe e da palabra, esa é a razón de existir destes libros: o relato, a historia, a narración, atoparon nos debuxos, nas cores e na forma, a beleza do ben feito".

Comparte nas túas redes sociais ou por email