"Cultura do Viño e Literatura"

Categoría: Nova

Esta primeira sesión terá lugar mañá martes, ás 20.00 h, no Lar das Meigas (Rúa do Vilar, 47), en Santiago de Compostela. Xunto ao autor e coordinador do curso, participan Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, e Xosé Ramón Meiriño, presidente do Consello Regulador D. O. Rías Baixas.

O curso de "Cultura do Viño e Literatura" consistirá nun ciclo de cinco sesións, ao que se poderá asistir dun xeito completo, ou ben soamente a algunha das sesións
específicas que libremente se escolla. Trátase de realizar un achegamento á cultura do viño, cunha iniciación á cata (con referencia aos criterios básicos da cata técnica enolóxica, e tamén ós característicos da cultura popular do viño) que ao propio tempo constitúa unha experiencia de apreciación e goce do viño.

Este curso ten unha orientación transversal. En cada sesión ofreceranse uns tipos de viños que garden relación coa obra (e, por veces, tamén coa vida) dun escritor. Explicarase o vínculo que existe entre ambos, comentaranse os apartados da obra literaria nos que se fai mención ao viño, e mesmo se fará algúns recitados de poemas ou fragmentos en prosa.

A primeira sesión do curso dedícase a unha figura central das letras francesas, e forxador da modernidade poética inscrita no ámbito da urbe convertida en territorio literario: o flâneur por excelencia, Charles Baudelaire. Un dos poetas que con máis talento cantou ao viño e os seus efectos estimulantes sobre o espírito humano. Esta primeira sesión servirá ao propio tempo de acto de presentación do último libro do condutor do curso, Xavier Castro, que leva por título A rosa do viño, onde se fai ampla alusión a Baudelaire en relación coa cultura do viño.

Na columna da dereita podedes atopar o folleto informativo do curso en pdf.

Comparte nas túas redes sociais ou por email