"Eu vexo o feminismo como unha teoría crítica", explica Celia Amorós, "no sentido do sistema xénero-sexo, que eu prefiro chamar patriarcado, termo que aínda que agora está moi desacreditado, creo que nunca foi tan pertinente".

María Xosé Agra e Dolores Vilavedra coordinan un número de GRIAL dende unha ollada decididamente feminista. Canda elas, participan como ensaístas Lourdes Méndez, Raquel Osborne, Sara Barrón López, Jorge Sacido Romero, María Reimóndez e Xosé M. Buxán.

O sexo, as relacións sexuais, os prexuizos e os medos, o discurso histórico dos xéneros, a súa expresión nas formas artísticas, a súa relación entre culturas diversas, a discusión da orde establecida, a organización familiar, etc., abórdanse dende a mirada nova da postmodernidade e, moi específicamente, dende a condición da muller, enfrontada ás contradicións da liberdade e a dependencia, o dereito á propia identidade e o sometemento. Mais, tal como se di na Carta do Editor: "Vivimos tempos de cambio. Tamén neste ámbito".

A ollada de GRIAL sobre a cultura é unha ollada aberta, plural, preocupada polas grandes mudanzas do noso tempo, que afectan á sociedade galega e afectan as sociedades en xeral. A relación do ser humano co sexo e a sexualidade cambiou moi profundamente nos últimos cincuenta anos, cando menos nunha grande parte das sociedades occidentais.

As coordinadoras deste número de GRIAL conversan con Celia Amorós sobre este e outros asuntos. "A min non me gusta falar de feminismo da diferencia", comenta a entrevistada. "En realidade, ata que apareceu o pensamento da diferenza sexual, o feminismo é o pensamento da igualdade".

E engade: "Como as mulleres fomos sempre, e seguimos a selo, o obxecto transaccional dos pactos entre os homes, o patriarcado da era da globalización adopta as súas modalidades".

No patriarcado tradicional a dominación sobre a muller tende a expresarse na coñecida frase "mateina porque era miña". Pola contra, "no patriarcado global", explica Celia Amorós, "os crimes que se cometen poderían ter o tema "mateina porque non era miña", porque estaba na intemperie simbólica, porque estaba en terra de todos e de ninguén".

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR