Queridos Reis Magos…

Categoría: Nova

Queridos Reis Magos:
Este ano porteime moi ben. Saquei boas notas, non dixen palabras feas e recollín a habitación… case sempre.
Para este ano 2018 quero que os meus pais sexan moi felices e que non se preocupen por min polas noites, e por iso gustaríame ser máis valente e aprender a vencer á escuridade cos Wombis. Así só tería que meterme na cama e contar ovelliñas ata quedar durmida. Como saberedes, comparto habitación con miña irmá pequena, e rise de min por contar en voz alta. Di que non ten moito sentido e sempre fai a mesma pregunta: “se ti contas ovellas para durmir… Que contan as ovellas para durmir?“. Penso que o libro de Kiko Da Silva podería responder á súa dúbida.
Este curso fixen amigas novas no colexio, e aínda que os rapaces da clase do lado se rin delas por levar calcetíns de cores, son As que máis molan do curso. Sei que imos ser amigas para sempre e imos vivir moitas aventuras. Tantas, que poderíamos protagonizar o libro A pel do mundo!
Para papá quero o libro Eu cociño, ti cociñas? de Mamá Cabra, para poder facer comidas ricas para os avós e que non se queixen porque sempre comen pasta cando veñen á casa. Para mamá, o libro de Pakolas sería perfecto. Así podería cantar coa música ben alta para que non se lle escoite. A pobre canta realmente mal.
Moitos bicos e bo Nadal!

Comparte nas túas redes sociais ou por email