Publícase Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo

Categoría: Nova

Este venres, ás 20:00h, estaremos no Club Faro do Faro de Vigo, no Auditorio Municipal do Areal, para presentar o volume Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo. Neste volume, publicado co apoio da Deputación de Pontevedra, oito mulleres moi diferentes foron convocadas a escribir sobre a súa experiencia arredor da folga xeral e as mobilizacións do Día da Muller de 2018. No “Limiar” a cargo da escritora Inma López Silva, coordinadora do volume, dise:
“A partir de dedicacións e idades moi diversas que implicarían a vivencia dunha folga dende sectores profesionais moi distintos, a idea deste libro era dar conta do pouso que deixou a onda feminista dese día en toda a sociedade galega, amosando que os espazos do debate feminista son tan diversos coma as súas protagonistas. O conxunto de experiencias individuais desexaba amosar a revolución feminista como poliedro, coma un cadro cheo de matices que non só ten implicacións colectivas, senón tamén persoais. E aí, no persoal, foi onde este libro comezou a ser doutra maneira”.
No acto deste venres, organizado pola Deputación de Pontevedra e o Club Faro do Faro de Vigo, estarán presentes algunhas das autoras: a xuíza Paz Filgueira, a profesora Ana Fresco, a funcionaria Sarai González, a matrona Susana Iglesias, a escritora Inma López Silva, a estudante Sandra Núñez e a periodista Susana Pedreira. Acompañándoas estarán a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a editora de Galaxia Malores Villanueva.

Comparte nas túas redes sociais ou por email