Grial 224

VV.AA.

Meirás: a sombra da ditadura  

Ollar o mundo dende Galicia

Víctor F. Freixanes

Velaquí o final dunha etapa, tempo de ilusión e traballo que puntualmente segue chegando aos lectores, 224 números de Grial dende a primeira saída en 1963, a revista decana das publicacións culturais galegas en activo e unha das máis antigas do Estado español. Razóns abondo para celebralo. Mais van tamén 67 números, 17 anos, dende que no primeiro trimestre de 2002 iniciamos dirección compartida Henrique Monteagudo e quen asina estas letras: a derradeira “Carta do editor” neste período. Non debemos considerala unha despedida, pois esta segue a ser a nosa casa, mais si unha substitución que incorpora novos azos. En 2020, Editorial Galaxia fará 70 anos, tempo moi significativo para unha empresa de cultura. Un novo equipo de dirección faise cargo da revista.

Dende o primeiro momento, Grial estivo estreitamente unida á Editorial Galaxia, case habería que dicir que son unha unidade de acción. No número 157 (2003), primeiro da xeira que iniciamos Henrique Monteagudo e quen subscribe, entrevistamos a Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto para falar do nacemento da revista. Xunto con Ramón Piñero eles eran os fundadores. Así o salientamos na mancheta da publicación, co título de Directores de Honra, mentres viviron. Era a nosa maneira de recoñecer a súa contribución á revista, o seu apoio e consello constantes. Lembraba Del Riego daquela que, en circunstancias ben adversas, a revista nacía cunha idea moi definida e consciente: unha publicación que procuraba “unha cultura aberta, con vocación universal, non localista, no espírito da xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos; unha revista sen complexos e, ao mesmo tempo que fose quen de conectar coas novas xeracións, porque a cadea de transmisión (nos anos 50 e 60) estaba rota”.

“Unha revista aberta, conectada co mundo”, engadía Xaime Isla. “capaz por unha banda de relacionar entre si voces que daquela estaban dispersas e, ao mesmo tempo, incorporar outras novas, novos creadores, a xeración que non fixera a guerra e que, chegado o momento, había de tomar o relevo”.

Como saben os nosos lectores, porque forma parte da historia cultural da Galicia contemporánea, Grial naceu inicialmente en 1951 como unha colección pensada para tratar asuntos monográficos relacionados coa cultura, considerando Galicia como obxecto principal, centro de estudo dende o cal poder enxergar o mundo, o que os nosos clásicos denominaban nos anos 30 “célula de universalidade”. O primeiro numero titulábase “Presencia de Galicia”, e incluía traballos de Ramón Piñeiro, Celestino Fernández de la Vega, Cuña Novás, Ánxel Johan, Salvador Lorenzana, Ánxel Fole, Martínez Barbeito, Otero Pedrayo etc. De feito, tal como nos recordaban os fundadores naquel número do ano 2003, Galaxia fundouse coa idea de botar a andar unha publicación periódica destas características, continuadora do espírito das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e, moi principalmente, da revista Nós. A ditadura prohibiu a publicación e, en certa maneira, impuxo un cambio de rumbo, mudanza estratéxica que derivou na publicación de libros, o primeiro deles Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas.

Grial non puido empezar a andar ata o ano 1963. Nunha primeira etapa, por esixencias administrativas, Ánxel Sevillano, primeiro, e Xosé Landeira Yrago, despois, ofrecían os seus carnés oficiais de xornalistas para legalizar a publicación, mais a dirección dende o primeiro momento exercérona xuntos Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, cun equipo de redacción en que figuraban, entre outros, Ricardo Carballo Calero, Domingo Garcia-Sabell, Celestino Fernández de la Vega, X. M. López Nogueira, Marino Dónega Rozas, Camilo G. Suarez Llanos, Basilio Losada Castro e Ricardo García Suárez (Xohán Ledo). Saliento os seus nomes para deixar constancia do seu traballo e da nosa admiración.

A segunda etapa iníciase en 1989, coincidindo co número 100 da publicación, dirixida por Carlos Casares, que tamén se fixera cargo da dirección xeral de Galaxia. Novos equipos e unha visión máis ampla dos temas que tratar, consonte a nova realidade social e as posibilidades dun contexto diferente. Casares dirixe Grial durante catorce anos, ata o seu falecemento o 9 de marzo de 2002. Daquela, o Consello de Redacción estaba formado por Xoán Bouzada, Xavier Castro —subdirector entre os números 132 (1996) e 156 (2002)—, Carlos Fernández, Gustavo Adolfo Garrido, Modesto López, Manuel Rodríguez Álvarez, Henrique Monteagudo e Anxo Quintela, substituído no número 105 (1990) por Damián Villalaín. O deseño era de Manuel Janeiro e incorporábase unha nova figura que nos acompañou ata o día de hoxe: Xosé Manuel Soutullo, secretario de redacción.

A terceira etapa comeza co falecemento de Carlos Casares e a incorporación á dirección xeral de Galaxia de quen durante estes últimos dezasete anos (67 números) veu asinando estas Cartas. Henrique Monteagudo, que formaba parte do equipo anterior, incorpórase á dirección (co-dirección, como nos primeiros tempos), propoñemos un novo deseño, que asina Fausto Isorna, e ampliamos aínda máis a temática da revista, programando monográficos anuais e afondando no espírito fundacional: unha revista non exactamente de cultura galega senón unha “revista galega de cultura”. Ollar o mundo dende Galicia. Ese foi en todo momento o noso obxectivo e a nosa lealdade aos precursores. En 1980 escribía Ramón Piñeiro, lembrando o pulo inicial da publicación:

Unha revista para subliñar a nosa consciencia dun feito que cómpre non esquecer: a cultura galega é unha realidade orixinal dentro do mapa cultural de España, de Europa e do mundo, pero ao mesmo tempo é unha realidade aberta a todas as demais culturas. Pódese dicir que Grial naceu cun dobre obxectivo: estimular internamente a nosa cultura e facela presente fóra de Galicia, incorporando ao noso ámbito, a través da nosa lingua, os valores doutras culturas.

Nesta terceira etapa incorporamos nomes moi diversos, de dentro e de fóra do país. Conversamos con figuras sobranceiras do mundo da economía, a filosofía, a lingüística, a socioloxía, a historia, o cinema, as artes escénicas, as artes plásticas, a comunicación, a ciencia, a literatura, a tecnoloxía… Persoeiros como Michael Hanemann, un dos grandes especialistas en avaliación de danos causados por mareas negras; Michael Hardt e Alberto Moreiras, Ignacio Ramonet, Miquel Siguan, Pasqual Maragall, Anne-Marie Thiesse, Alberto Manguel, Dionisia López (galega, unha das fundadoras das Nais da Praza de Maio en Buenos Aires), Víctor Fuentes, Fernando Venâncio… Unha ollada ao noso catálogo e ás características dos nosos colaboradores, incluído o consello de redacción, dá conta desa vocación aberta e interdisciplinaria. A cultura é un poliedro de caras diversas e complementarias. Así o consideramos.

O espírito que en todo momento avivou e aviva a revista é a construción dun galeguismo civil consciente dos valores propios, que son moitos, mais sen chauvinismos, sen localismos cativos, aberto ao mundo, democrático, integrador de ideas, preocupado por dialogar con todas as voces. O intercambio con universidades e asociacións da lusofonía e o hispanismo foi outra das nosas preocupacións, continuadora asemade do alento fundacional. Grial cerra un ciclo e inicia xeira nova. Monteagudo serve de ponte e, a partir do próximo número, incorporamos como editor a Francisco Castro, que dirixe tamén Galaxia dende decembro de 2016. Sen esquecer unha figura fundamental en todos estes anos á que xa me referín antes, mais para a que reservo as derradeiras liñas: Xosé Manuel Soutullo, o noso redactor-xefe, o noso pulmón, que tamén dá a remuda, porque o tempo pasa para todos. Aquí queremos deixar constancia do noso agradecemento, a nosa admiración, a nosa débeda persoal, a nosa máis profunda, sincera e sentida amizade

Recensións


Detalles

  • Páxinas : 156
  • Deseño : Rústica
  • Dimensións : 185 x 270
  • Data Publicación : 27/12/2019
  • Colección : Grial
  • Editorial : Galaxia
  • ISBN : 0017-4181
  • Edición :
  • Nº na colección : 224
  • Observacións :

Noticias relacionadas



Actividades relacionadas


Novidades

9788491514398VillardevósSilvio Santiago
grial-224Grial 224 VV.AA.
rimaletrasRimaletrasMar Guerra
distanciasDistanciasTamara AndrésMarcos Viso

VV.AA.

VV.AA.,


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR