Grial 197

VV.AA.

50 anos coa Fundación Penzol

O 7 de abril de 1963, hai medio século, formalizábase en Vigo, mediante escritura notarial, a entrega de fondos do que sería a Fundación e a Biblioteca Penzol, que inaugurou as súas instalacións o 5 de maio daquel ano na rúa Policarpo Sanz de Vigo. E a este acontecemento dedica o número 197 de GRIAL as súas páxinas monográficas, coordinadas por María Dolores Cabrera, Henrique Monteagudo e Ramón Villares.
Os artigos de María Dolores Cabrera ("Xénese da Fundación Penzol a través dos seus documentos") e Xesús Alonso Montero ("Biblioteca Penzol. A memoria do galeguismo" céntranse no seu proceso de creación, con atención especial aos fondos que a conforman e á significación dos mesmos. Francisco Domínguez Martínez, director da Fundación, reflexiona sobre a actualidade (cunha ollada especial cara ao futuro) en "Presente e porvir da Fundación Penzol". Concha Varela (membro do Corpo Facultativo de Bibliotecas) achégase ao mundo das bibliotecas e ao valor do seu patrimonio nos tempos da dixitalización e da difusión na Rede, procurando unha proxección operativa cara ao seu futuro. José Afonso Furtado, que foi presidente do Instituto Portugués do Libro e da Lectura e director da Biblioteca de Arte da Fundación Calouste Gulbenkian, incorpora en "O mito da Biblioteca Universal" algunhas reflexións que sen dúbida interesan ao asunto que tratamos. Completan estas páxinas a conversa que Henrique Monteagudo e Ramón Villares mantiveron con Fernando Bouza, catedrático de Historia Moderna da Universidade Complutense, un dos grandes especialistas internacionais en patrimonio bibliográfico, e unha sección de documentos onde Henrique Monteagudo ofrece unha pequena mostra de fondos documentais que a Fundación atesoura.
Xa noutras seccións deste número, Enrique Sáez Ponte reflexiona en "O naufraxio da banca galega" (‘Temas do noso tempo’) sobre o impacto e os gravísimos danos que a crise tivo na banca galega. En ‘O espello das letras’, o profesor Xosé Manuel Dasilva presenta un documentado e rigoroso artigo sobre a intervención da censura franquista no Xente ao lonxe de Eduardo Blanco Amor. Grazas á súa investigación, Editorial Galaxia publicará a finais deste mesmo ano a versión restaurada desta novela fundamental da literatura galega contemporánea. Nesta mesma sección, Vivian Rangel, lectora de Literatura, Lingua e Cultura do Brasil na Universidade de Santiago de Compostela dá noticia da primeira Granta brasileira. En "Morte en Brens e Dumbría e sobreexplotación do río Xallas (sección ‘Historia e memoria’) o xornalista Lois Oreiro dá conta do impacto e das duras condicións de traballo na empresa Carburos Metálicos, instalada naquelas terras en 1904. O catedrático da Universidade de Compostela Francisco Díaz-Fierros valora a relevancia que os traballos do enxeñeiro e paleontólogo compostelán Casiano de Prado tiveron na descuberta, hai 150 anos, dos primeiros restos fósiles humanos na Península Ibérica.
As seccións ‘Creación’ (Eduardo Estévez, Ignacio Castro Nachok e Adolfo Caamaño), ‘Crónica’ ("Carta de Beijing", de Adrián Dios Vicente) e ‘O rego da cultura’ pechan esta nova entrega de GRIAL, a primeira do ano en que a revista cumpre o seu 50 aniversario.

Recensións


Detalles

  • Páxinas : 156
  • Deseño : Rústica
  • Dimensións : 185 x 270
  • Data Publicación : 2013-04-12
  • Colección : Grial
  • Editorial : Galaxia
  • ISBN :
  • Edición : 1

Noticias relacionadas



Actividades relacionadas


Novidades

prana-apanaPrana ApanaPatricia Rivas Gallego
9788491514473O derradeiro libro de Emma OlsenBerta DávilaPablo Prado
9788491514589O país do porvirXoaquín Fernández Leiceaga

VV.AA.

VV.AA.,


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR