Grial 190

VV.AA.

A investigación en valor
Diálogos 01

Investigación, Coñecemento, Tecnoloxía son factores fundamentais para o futuro de calquera sociedade. Compoñentes básicos de calquera cultura moderna. O número 190 da revista GRIAL aborda unha das cuestións que consideramos decisivas para calquera planteamento que se faga de futuro en Galicia: ¿onde vai a nosa capacidade de investigación? ¿Sobre que recursos e principios se fundamenta? ¿Quen son os seus protagonistas? ¿Cales son os seus puntos fracos e os seus puntos fortes, as súas eivas e oportunidades? ¿Somos conscientes, mesmo dende a sociedade civil e dende o mundo empresarial, do capital que representa o Coñecemento e a Ciencia?

A Asociación de Bolseiros da Fundación Barrié de la Maza, integrada por máis de setecentos beneficiarios de distintos programas desta entidade, organizou en novembro de 2010 unha serie de encontros arredor desta cuestión, que denominaron Diálogos 01.

Profesionais da investigación, mozos que comezan a desenvolver estas actividades dentro e fóra de Galicia, equipos en Europa e en América, convocados pola devandita Fundación, coa colaboración de especialistas co experiencia, elaboraron unha serie de informes sobre o futuro da investigación no noso país, sobre as súas carencias e as súas necesidades. Tamén sobre as súas oportunidades, mesmo realizando ás veces proposicións moi concretas.
Nestes tempos de crise e de escaseza de recursos, con fortes políticas restritivas por parte das administracións, convén abordar documentadamente estas cuestións. E facelo ademais dende a pluralidade e dende a propia base, apelando aos que coñecen de primeira man o campo no que traballan.

Os debates centráronse arredor de cinco grandes apartados: a investigación como valor a ter en conta; a innovación, en canto que aplicación directa das bases da investigación; a competitividade da investigación que se fai ou se promove en Galicia; a necesidade de formar profesionais con espírito emprendedor, para poñer en marcha novas iniciativas; e unha análise dos modelos de investigación vixentes (coa crítica da situación).

GRIAL entende a cultura coma un espazo aberto e interdisciplinar, onde as distintas áreas de coñecemento conflúen e se complementan, superada a vellouqueira división entre Humanidades e Ciencias Empíricas. En certa medida este número da revista continúa aqueloutro, o 175, onde abordamos a Ciencia e a Tecnoloxía en Galicia conmemorando o centenario da Junta de Ampliación de Estudos en España (JAE), da que se favoreceron tantos galegos (entre outros Castelao). Trátase nesta ocasión de ollar o presente e, sobre todo, o futuro posible.

Compleméntase este número de GRIAL cunha excelente entrevista de Hugo Martínez con Jean-Philippe Toussaint, de quen Galaxia vén de publicar nova novela: "A verdade sobre Marie" (Biblioteca Compostela de Narrativa Europea), continuadora en parte de "Fuxir", que os lectores galegos coñecen na mesma colección. Toussaint é un dos grandes narradores contemporáneos en lingua francesa.

O historiador Xosé Manuel Seixas completa o traballo biográfico-interpretativo que iniciou no número anterior da revista arredor da figura de Santiago Montero Díaz (as derivas dun fascista heterodoxo); e a cuestión lingüística ocupa a sección Temas do noso Tempo, con ensaios do catalán Pere Comellas Cassanova ("A hipótese da morte da lingua") e do profesor da Universidade Federal da Bahía o brasileiro Dante Lucchesi.

Recensións


Detalles

  • Páxinas :
  • Deseño : Rústica
  • Dimensións : 185 x 270 mm.
  • Data Publicación : 2011-07-27
  • Colección : Grial
  • Editorial : Galaxia
  • ISBN :
  • Edición : 1

Noticias relacionadas

A investigación en Galicia2012-03-27 10:32:07


Actividades relacionadas


Novidades

as-que-mais-molan-maria-fumacaAs que máis molan!!! UxíaMagín Blanco
hermes-aprendiz-de-magoHermes, aprendiz de magoManrique Fernández
a-ledicia-de-lerA ledicia de lerCarlos Casares
a-pel-do-mundoA pel do mundoBerta Dávila

VV.AA.

VV.AA.,


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR