Estás aquí:

Código: 1289

Grial 186

12,00  IVE INCLUIDO
Luís Seoane entre dúas culturas
A nova entrega de GRIAL conmemora o centenario do nacemento do artista

Cúmprense cen anos do nacemento de Luís Seoane en Buenos Aires, fillo de emigrantes galegos. Celebramos os nacementos, non as defuncións. Unha das figuras máis sobranceiras da arte contemporánea e da creación galega en xeral: editor, poeta, autor dramático, escenógrafo, ilustrador, pintor, deseñador gráfico, xornalista, radiofonista, empresario, planificador cultural, narrador, ensaísta, estratega, soñador… Luís Seoane é unha das personalidades máis completas, ricas, poliédricas da nosa cultura. Un dos grandes personaxes da Galicia do século XX.

"Luís Seoane entre dúas culturas" (a americana de Buenos Aires e a galega) é o título do número 186 da revista GRIAL, coordinado nesta ocasión polo profesor Ramón Villares, membro do consello da redacción da revista e presidente do Consello da Cultura Galega. Con el colaboran Silvia Dolinko, doutora en Historia da Arte pola universidade de Buenos Aires, e Xosé Díaz, deseñador gráfico.

Galicia vén celebrando este ano o centenario do nacemento de Luís Seoane cunha serie de actividades, promovidas polo Consello da Cultura e polas tres universidades galegas, xunto coa Xunta de Galicia (Consellería de Cultura) e diversas institucións financieras e empresariais do país. Tal evento contempla unha serie de congresos monográficos, exposicións e seminarios que poñen en valor a figura do artista tanto en Galicia como en América. Para a cultura arxentina, Luís Seoane é un dos grandes creadores do seu país, con obra pública moi importante, entre outras producións os murais do Teatro San Martín.

GRIAL súmase con este número ás celebracións e estudos arredor da personalidade e a obra do artista, así como sobre as relacións entre as distintas pólas do galeguismo despois da guerra civil española (1936-1939). O profesor Villares aborda específicamente esta cuestión: "As relacións de Luís Seoane cos galeguistas do interior (1946-1960)". Silvia Dolinko trata das relacións entre Seoane e cultura arxentina a través sobre todo da produción editorial, e Xosé Díaz recrea e informa sobre un dos capítulos máis interesantes da cultura galega contemporánea, a creación do Laboratorio de Formas, idea que nace entre os exiliados nos anos 50 e que se materializa no grupo Sada-O Castro-Sargadelos a partir de 1963.

A maiores, a cuestión da lingua reúne tres ensaios importantes, asinados por Henrique Monteagudo, Xacobe Bastida e Fernando Venancio, este último en portugués. No apartado da Música, Carlos Lema reflexiona sobre as formas da contemporaneidade a partir da obra de Elliot Carter, o profesor Jesús de Juana López reconstrúe a guerra da independencia en Galicia (1808) dende o punto de vista dos franceses, e Lluis Montoliu, doutor en ciencias biolóxicas pola universidade de Barcelona, achéganos ao mundo das células nai.

As seccións de Creación (Elvira Riveiro, Fuco Reyes), O espello das letras (crítica de libros), Crónica e Documentos complementan esta nova entrega de GRIAL. Revista Galega de Cultura

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 152
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 185 x 270 mm. mm.
Colección: Grial
Nº na colección:
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

Eventos relacionados con este libro

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 187
grial187
12.00€ CON IVE