Estás aquí:

Código: 1285

Grial 182

12,00  IVE INCLUIDO
Nós e a cidade

A cidade é o espazo que mellor define a modernidade histórica. Tamén é o territorio onde con máis pulo e significación se desenvolven os modelos culturais, que son modelos de comportamento colectivo, motores dos grandes cambios sociais. Este número de GRIAL recolle as intervencións e conclusións máis importantes dun ciclo de conferencias que no seu día desenvolveu en Vigo a Fundación Carlos Casares, coa participación de especialistas galegos e de fóra de Galicia.
Coordinados por Manuel F. Vieites, e baixo o título xenérico de "Nós e a idade", colaboran neste número: Héctor Pose, doutor en psicopedagoxía na Universidade da Coruña, J.A. Caride Gómez, catedrático de Pedagoxía Social na Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Cuenca Cabeza, catedrático de Ciencias da Educación e director do Instituto de Estudos do Lecer da Universidade de Deusto, e Iñaki López de Aguileta, doutor en Pedagoxía e director da área de cultura do Concello de Bilbao.

De especial interese e actualidade, postos a salientar, é o traballo deste último: "Dez receitas para a xestión cultural municipal en tempos de crise", que en certa medida recolle moitas cuestións que se apuntan nos outros ensaios. ¿Como abordar unha política cultural eficaz, democratizadora, participativa, comprometida coas grandes cuestións sociais (sen imposicións nin dirixismos) nos espazos urbanos do noso tempo e nas circunstanciads actuais (tamén nas circunstancias de crise ou mingua de recursos económicos)? O traballo de Aguileta non se limita á reflexión, propón actuacións (e actitudes) concretas.

Importante tamén nos parece o traballo de Nel Vidal Barral, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), que nos propón unha "Análise da política lingüística do goberno galego (2005-2009)". Unha análise das actuacións, recursos e estratexias do goberno bipartito da Xunta de Galicia (PsdeG-PSOE e BNG) a prol da lingua galega.

Nestes tempos de confusión e preocupación polo idioma, coas novas estratexias que anuncia o goberno do Partido Popular, o traballo resulta especialmente significativo, repasando actuacións, medidas e recursos que nos últimos catro anos se realizaron respecto do galego. Inclúense orzamentos, partidas económicas, investimentos, referencia a campañas e actuacións concretas, avaliación crítica das mesmas, etc.

Completan o número 182 dúas novas achegas á personalidade e o tempo histórico de Ramón Piñeiro, pensador e escritor a quen a RAG dedicou este ano o Día das Letras Gagelgas: X.L. Franco Grande, que compartiu tantas horas co galeguista na súa casa da rúa compostelana de Xelmírez 15, fala "Arredor da mesa braseiro", e Xosé Estévez, profesor de Historia Contemporeánea da Universidade de Deusto, aborda as relacións entre Ramón Piñeiro e o nacionalismo vasco, moi principalmente o PNV, entre 1945 e 1946, datas nas que Piñeiro se despraza a París, apoiado polos vascos, para influir no nomeamento de Castelao como ministro do goberno da República Española no exilio.

O profesor Estévez consulta os fondos do arquivo de Manuel Irujo, os fondos da Fundación Sabino Arana e, en xeral, a documentación de que dispón o PNV respecto deste capítulo da resistencia democrática contra o franquismo, recén rematada a Segunda Guerra Mundial. Reprodúcense textos e cartas, ao tempo que se apuntan interpretacións e conclusións.

Darío Xohán Cabana comenta dous documentos tamén moi interesantes que forman parte da nosa crónica cultural, relacionados coa actividade editorial de Xosé María Álvarez Blázquez, a quen se lle dedicou o Día das Letras o pasado ano 2008. Dous proxectos, inéditos ata o presente, que Álvarez Blázquez concebiu durante a República e en plena guerra civil, e que falan do entusiasmo e da ilusión con que mesmo os que perderon aquela guerra sementaban no futuro.

Complementan esta entrega da revista as seccións habituais de Creación (poemas inéditos de Luz Pozo Garza e un relato de Xosé M. Pacho Blanco, Premio Torrente Ballester de Novela o ano 2008), o apartado Espello das Letras de crítica literaria e unha Crónica dende Múnic de Montse Pena Presas. Lluis Montoliu fala de "Biotecnoloxía animal e clonación", na sección Ciencia e Tecnoloxía, e Eduardo García Parada, membro da Aula Castelao de Filosofía de Pontevedra, recolle e comenta as conclusións da última edición da mesma, centrada en "Pensar a Educación, Galiza: perspectivas educativas e Olladas á Educación".

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 152
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 18,5 x 27 cm mm.
Colección: Grial
Nº na colección:
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 181
grial181
12.00€ CON IVE