Grial 181

VV.AA.

Olladas sobre Ramón Piñeiro

2009 é o Ano de Ramón Piñeiro. GRIAL súmase con este número ás actividades que deste ano, no que a Real Academia Galega lle dedica o Día das letras Galegas. Un número dedicado a unha personalidade que, como poucas influíron na vida cultural e política galega das últimas décadas. Ramón Piñeiro é fundamental para comprender a evolución da conciencia política e cultural de Galicia na segunda metade do pasado século.

No número, coordinado por Henrique Monteagudo e Carlos Fernández (que tamén contribúe cun artigo) colaboran Miguel Barros, Justo Beramendi, Víctor F. Freixanes e Damián Villalaín. Trátanse con diferentes ‘olladas’ algunhas das facetas intelectuais e políticas de quen foi fundador e director, xunto con Francisco Fernández del Riego, desta revista dende o ano 1963 ata 1998, vinte e cinco anos que acompañaron e impulsaron un enorme cambio cultural en Galicia.

Miguel Barros en "Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo" pretende na súa análise "contribuír a que a percepción desta figura senlleira da nosa contemporaneidade atenda á súa orixe de labrego, de labrego ilustrado que dende a realidade magoante da que emerxe pretende acadar un estadio superior de organización social e política en base á mobilización colectiva do pobo consciente da súa natureza de suxeito histórico".

En "Na tradición galeguista. Espírito e cultura no pensamento de Ramón Piñeiro", Carlos Fernández afirma que Piñeiro "non era un tradicionalista. E non o era porque o que realmente lle interesaba, na súa xenerosa e case heroica tarefa de aumentar o prestixio de Galicia en tempos menesterosos, era a alta tradición literaria escrita e porque, ademais, estaba convencido de que a cultura non abrolla dun manantío transcendente, senón da actividade obxectivadora do home individual. A diferenza de Risco, para quen a auténtica cultura, mesmo a en aparencia máis ‘alta’, individual, abstracta e erudita, derivaba sempre dun espírito en orixe impersoal, que podía mesmo chegar a falar en contra das intencións do seu medium ocasional, o autor; a cultura é, para Piñeiro, ‘a viva e real plasmación obxectiva da propia natureza do home, unha enteira e total creación humana’".

Víctor F. Freixanes fai un percorrido pola historia de Galaxia e GRIAL da man dos seus principais protagonistas: Xaime Isla Couto, Francisco Fernández del Riego e, sobre a participación de Piñeiro, pregúntase: "¿Cal é exactamente a contribución de Ramón Piñeiro a este vizoso catálogo? Fundamental. Aínda que algunhas liñas de traballo se deleguen, en Fernández del Riego, en Xaime Isla, en colaboradores externos, a orientación estratéxica é en todo momento de Ramón Piñeiro, cun criterio fundamentado en tres grades liñas: reconstrución da tradición cultural do galeguismo interrompida pola guerra Civil; prestixio intelectual da cultura galega, alén dos esquemas folclóricos en que a ten subsumida o discurso do réxime, e conexión e activismo entre as novas xeracións".

"Pensar en Ramón Piñeiro en relación coa filosofía leva espontaneamente a unha a unha asociación co problema da saudade. Dalgún xeito, iso é inxusto, pois o seu pensamento estivo sempre aberto ás catro esquinas da realidade. Debería mesmo dicirse que a súa preocupación dominante foi a da filosofía política e, desde ela, a antropoloxía e a historia. Pero é certo tamén que, atendendo ao que se ordinario se entende por filosofía, para el tivo a súa aplicación máis clara no terma da saudade". Así inicia o seu artigo, "Piñeiro e a filosofía da saudade", Andrés Torres Queiruga, onde trata as reflexións de Piñeiro e a súa relación coas achegas sobre o tema de distintos pensadores europeos do seu tempo.

Justo Beramendi trata criticamente en "A interiorización da derrota. Ramón Piñeiro e o nacionalismo galego" a súa traxectoria política dende a primeira militancia nas Mocedades Galeguistas ata a condición de deputado independente integrado no grupo parlamentario do PsdeG-PSOE no primeiro Parlamento galego. Como conclusión Beramendi sinala que: "O balance das súas relacións co nacionalismo galego non pode ser máis paradoxal. Un dos que máis loitou para que seguise con vida tras o brutal intento de exterminalo por parte da extrema dereita españolista acabou creando instrumentos ideolóxicos positivos para a galeguización discursiva do conxunto das forzas políticas, pero útiles tamén para que os partidos estatais freasen o desenvolvemento político das organizacións nacionalistas".

O "culturalismo", un razonable anticomunismo, o europeísmo, o nacionalismo e a reformulación do galeguismo son temas tratados por Damián Villalaín en "Triunfo e fracaso de Ramón Piñeiro". Para Villalaín, "Seguramente a dedicatoria a Piñeiro das Letras Galegas no ano 2009 servirá para rehabilitar nalgunha medida ao Piñeiro escritor, ao ensaísta de prosa clara e límpida máis que ao filósofo vocacional que nunca puido chegar a ser. Pero non é dubidoso que a decisión da Real Academia Galega reavivará, sobre todo, o debate sobre Piñeiro e a política. E ese debate volverá a estar tinxido, case con seguridade, das características e orientacións que xa adquiriu na vida do de Láncara: non será tanto un debate dirixido a comprender o que Piñeiro fixo como un debate destinado a cargar a Piñeiro co que deixou de facer".

Os dous primeiros artigos de Ramón Piñeiro, publicados en 1931 e 1933 na revista luguesa Yunque, completan as páxinas que este número de GRIAL lle dedica.

A sección ‘Temas do noso tempo’, publica tres artigos: o relatorio "Análise da política lingüística do Goberno galego (2005-09)", que Nel Vidal Barral presentou nos XI Encontros para a Normalización Lingüística, que tiveron lugar en Santiago de Compostela en febreiro deste ano; "Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa (1990). Principios e aplicações", de Isabel Almeida Santos, da Facultade de Letras de Coimbra, publicado en portugués, e "Os límites do poder. A fin do excepcionalismo americano" do profesor da Universidade de Boston Andrew J. Bacevich.

A sección ‘O espello das letras’, ademais das habituais recensións de libros, publica o artigo de Xosé Manuel Dasilva: "Rosalía, Pondal e Curros diante da censura.

"A (re)construción do común no século XXI", de Albino Prada Blanco, e "Cara a un modelo produtivo de política cultural. Cultura e economía creativa no marco da Estratexia de Lisboa", de Håkan Casares Berg, integran a sección ‘Cultura e sociedade’.

As seccións ‘Creación’, con poemas de Xavier Seoane e un relato de Xerardo AgraFoxo e ‘Crónica’, cunha "Carta de Galway" de Paulo Kortazar completan este número 181 de GRIAL.

Recensións


Detalles

  • Páxinas : 156
  • Deseño : Rústica
  • Dimensións : 18,5 x 27 cm
  • Data Publicación : 2009-04-17
  • Colección : Grial
  • Editorial : Galaxia
  • ISBN :
  • Edición : 1

Noticias relacionadas



Actividades relacionadas


Novidades

dezanove-badaladasDezanove badaladasAnxo A. Rei Ballesteros
a-casa-do-terrorA casa do terrorXoán Curiel
os-ollos-do-tangaleironOs ollos do TangaleirónXosé Antonio Neira Cruz
pantallasPantallasCelia Parra

VV.AA.

VV.AA.,


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR