Estás aquí:

Código: 1281

Grial 178

12,00  IVE INCLUIDO
Cartografías da cultura. Homenaxe a Xan Bouzada
O número 178 de Grial vai dedicado ao noso compañeiro de redacción Xan Bouzada, sociólogo, director de IGESCO, figura de referencia nos estudos de socioloxía da cultura, recentemente falecido. Carlos Fernández, Hakan Casares Berg, Basilio Lourenço, Tony Judt e María López Sández abordan cuestión diversas, sempre arredor do feito cultural, en lembranza de quen foi un dos colaboradores máis activos de GRIAL, pois formou parte do seu Consello de Redacción dende 1989. Darío Xohán Cabana e o profesor Xesús A. Lage Picos, fan a semblanza do amigo e do científico.

Cadra o presente número coa recente concesión da Medalla de Ouro de Galicia a Editorial Galaxia e mais co nomeamento de Ramón Piñeiro como figura destacada do Día das Letras Galegas para o ano 2009. Ramón Piñeiro foi fundador de Galaxia e codirector de Grial, xunto con Francisco Fernández del Riego, dende 1963 a 1988. GRIAL e Galaxia están a preparar un cumprido catálogo de publicacións e recuperacións arredor deste persoeiro das nosas letras.

Estes feitos dan pé para que o Editor escriba sobre a significación do proxecto Galaxia e as distintas xeracións que nel participaron e participan, dende a fundación da editora, o 25 de xullo de 1950, ata os nosos días. Xan Bouzada incorporouse activamente aos equipos de GRIAL canda a etapa de Carlos Casares, que asumiu a dirección da revista e da editorial dende 1989 ata o seu falecemento en marzo de 2002.

O número aborda temos diversos: a presenza do médico e ensaista Rof Carballo no discurso galeguista (Carlos Fernández), apuntamentos para unha epistemoloxía da cultura galega (Hakan Casares), a propósito de Heidegger cunha ollada sobre o futuro das civilizacións (Basilio Lourenço), sobre o problema do mal na Europa de postguerra (Tony Judt) e achegas á cartografía semiótica do espazo (María López Sández). Desta última está a piques de saír o libro Paisaxe e nación, último premio de ensaio Ramon Piñeiro, que falla anualmente Editorial Galaxia en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e Unión Fenosa.

A maiores, Xosé Neira Vilas, dentro da sección Documentos, fálanos da súa relación co escritor e editor Xosé María Álvarez Blázquez, a quen este ano a RAG dedicou o Día das Letras Galegas, e Alberto Olaizola entrevista a Carlos Reigosa, quen durante anos exerceu postos de dirección na axencia Efe e que, na conversa, reflexiona sobre a liberdade de expresión e os grandes males que condicionan o labor dos xornalistas nas sociedades contemporáneas. Reigosa vén de publicar na colección Ensaio de Galaxia o seu libro Eidos de xornalismo.

Carlos Lema propón trece xeitos de ler (e escribir) poesía; Ángel López García-Molins, catedrático de Lingüística Xeral da Universidade de Valencia, entra nun debate moi vivo na actual situación española: manifesto plurilingüe, e José María Durán, doutor en historia da arte pola UNED, argumenta unha crítica sobre a presenza do pintor Lodeiro no Centro Galego de Arte Conteporánea que en moitos aspectos pode resultar polémica.

A sección de creación configúrana neste número o poeta Gonzalo Navaza e o narrador e deseñador Manuel Janeiro. Na sección de Ciencia e Ténica, os profesores Juan R. Coca e Francisco Díaz-Fierros, recente Premio Nacional de Cultura da Xunta de Galicia, escriben sobre "apertura, interpenetración e posibilitación do sistema tecnicocientífico".

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 140
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 18,5 x 27 cm. mm.
Colección: Grial
Nº na colección:
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 191
191
12.00€ CON IVE