Estás aquí:

Código: 1275

Grial 172

12,00  IVE INCLUIDO
Deus a xuízo. Unha controversia contemporánea
Discutir a idea de Deus. Non a crenza en Deus, que é unha cuestión de fe que a modernidade histórica sitúa no espazo do privado, senón a idea de Deus (moi especialmente o Deus Único: o Deus de Israel, que se desenvolve no cristianismo e no islamismo) como construtor da historia dos homes, unha especie de espello no que podemos ollarnos os seres humanos.

¿En que medida, tal como di a Biblia, o home foi creado a semellanza de Deus e en que medida, pola contra, é Deus quen foi creado (e segue a ser creado) a semellanza ou conveniencia dos homes? Preguntas que están máis vivas do que pensamos. Non hai máis que ollar as páxinas da actualidade.
Carlos Fernández coordinou este número, no que colaboran tamén X.L. Barreiro Rivas, A. Torres Queiruga, Basilio Lourenço, Antón Baamonde, Miguel-Anxo Murado e Anxo A. Rei Ballesteros. Dende perspectivas diferentes, mesmo dende ópticas persoais distintas (crentes e non crentes) os ensaistas abordan a figura de Deus partícipe da historia dos homes e, ao mesmo tempo, algunhas das grandes controversias e conflitos mesmo das sociedades contemporáneas.

Xavier Alcalá mantén unha interesante entrevista co filólogo e sociolingüista portugués Fernando Venâncio, ambos os dous en Amsterdam. "A miña lingua en Galicia, chámase galego", di o profesor luso, que aborda cuestións de interese tocante á ubicación do galego no marco da familia románica occidental e emite opinións que seguramente poden (e deberían) discutirse, pero que consideramos necesarias e de utilidade.

Ademais das seccións habituais da revista: "Rego da cultura", "Espello dos libros", etc., o número 172 de GRIAL presenta dúas achegas de interese relacionadas co Ano da Memoria. Os profesores Jesús de Juana e J. Prada Rodríguez relatan a "Galicia baixo o terror franquista", que en certa maneira complementa a serie de traballos que GRIAL veu publicando arredor deste período histórico (vid. GRIAL 163, "A guerra contra a cultura, 1936", ou GRIAL 170, "Memoria do 36"), mentres que os irmáns Rodríguez Leirado propoñen unha viaxe polo muralismo de Luís Seoane na cidade de Buenos Aires.

Luís Seoane foi, sen dúbida, unha das figuras máis sobranceiras do exilio galego e da cultura galega no exilio, relacionado tamen coa cultura española deste tempo e coa cultura arxentina e universal. A súa figura, como intelectual, como escritor, como artista, agrándase co paso do tempo. Non é a primeira vez que GRIAL chama a atención sobre a súa figura, que consideramos especialmente admirable. GRIAL 172 invita aos seus lectores e lectoras a percorrer as rúas de Buenos Aires descubrindo algunhas das grandes obras plásticas do noso artista, dende o gran mural do Teatro Sanmartín, no que se evoca o nacemento do teatro arxentino, ata as vuideiras da rúa Esmeralda ou a "Mater Galaeciae" da rúa Libertad.

A sección de creación está dedicada nesta ocasión a dous poetas: Martín Veiga (Noia, 1970) e Xosé María Álvarez Cáccamo. Este último cunha mostra distinta da súa creatividade: a súa dimensión como artista plástico, modelador de obxectos, soñador de novas referencias...

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 144
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 18,5 x 27 cm mm.
Colección: Grial
Nº na colección:
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

Novas relacionadas con este libro

AUTORES/AS

Non temos datos do autor