Chámame señora, pero trátame coma a un señor

Inma López Silva

Memoria perosal do machismo na cultura

Nunca crin nesas mulleres de máis de corenta que se comportan coma se acabasen de saír dunha película de Disney. Non soporto as que fan coma quen que non saben de que vai a vida, e as que se sorprenden con todo. Non aturo as que se fan as parvas cando é evidente que as engurrar na pel e as canas no pelo delatan que xa non están na idade da inocencia. Tampouco creo a esas que pretenden xustificar os seus fracasos ou desilusións valéndose da inxenuidade. Hai actitudes que, a unha certa idade, beirean o ridículo. Especialmente, nunca crin que, aos meus anos, as escritoras poidamos comportarnos coma se aínda puidésemos ser princesas. No fin de contas, diso se trata cando unha pretende algo máis ca escribir poemiñas para conquistar corazóns.

Diso fala este libro.

É, se se quere, unha perda da inocencia, unha ruptura con certos silencios, mesmo un balance de máis de vinte anos de dedicación á literatura. Este libro desexa ser tamén un xesto de coherencia, pois creo fondamente na necesidade do pronunciamento político daquelas persoas que temos a capacidade de erguer a nosa voz, un berro que, no meu caso, só pode ser feminista.

Non sei por que adoita crerse que o espazo literario está libre de todos os vicios machistas que funcionan no resto da sociedade, coma se, por ser máis culta e etéreo, fose mellor ca o andamio dunha obra. Pois non é certo. Hai machismo no mundo da literatura, e decidín contalo.

Non é obrigatorio lelo.

Que peche o libro quen crea que vai atopar aquí un relato riquiño sobre o feito de ser escritora. Iso que o fagan as que van de inocentes.

Por iso este tampouco é un ensaio ao uso.

Recensións


Detalles

  • Páxinas : 188
  • Deseño : Rústica con lapelas
  • Dimensións : 135 x 210
  • Data Publicación : 26/11/2018
  • Colección : Feminismos
  • Editorial : Galaxia
  • ISBN : 978-84-9151-258-5
  • Edición :
  • Nº na colección : 1
  • Observacións :

Noticias relacionadas



Actividades relacionadas


Novidades

o-segredo-das-burgasO segredo das burgasAndrés Pombo Graña

inma

López Silva, Inma
Inma López Silva naceu en 1978 en Santiago de Compostela. É unha das novas narradoras galegas máis destacadas. A súa novela Neve en abril gañou o Premio Rúa Nova en 1996. Seguiron os relatos de Rosas, corvos e cancións. Con Concubinas obtivo o Premio Xerais 2002. No 2007 publicou New York, New York, diario dunha estadía na cidade norteamericana, que despois foi traducido para o castelán.

Desde moi nova soubo que a literatura sería a súa canle para ver e expresar o mundo. Moi pronto, no ano 96, gaña o Premio Rúa Nova, convocado pola Biblioteca Nova 33, de Santiago. Ese primeiro froito literario sorprendeu a lectores e crítica pola madurez que evidencia unha novela que recupera o drama nunca suficientemente contado da Guerra Civil. Neve en abril foi o libro que mereceu o dito galardón e que no 2005 renace en Galaxia como libro aberto a lectores de todas as idades, tamén aqueles que están a piques de comezar o seu percorrido pola vida adulta. Inma, ademais de escritora, destaca como crítica e investigadora teatral, colaboradora habitual en numerosas publicacións periódicas e científicas. Actualmente é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.

Coa novela Memoria de cidades sen luz, publicada por Galaxia, obtivo o Premio Blanco Amor 2007. Posteriormente foi recoñecida co premio AELG como mellor obra de narrativa 2008 e o Arcebispo San Clemente como mellor novela en galego 2008. En 2016 recibiu o Premio Insua dos Poetas como recoñecemento aos seus 20 anos de carreira literaria.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR