Vida

Categoría: Opinión

Pouso os pés no chan coa seguranza de que o verán foi caendo a cada paso tras de min, camiño satisfeita por ter chegado á terra onde as cores se funden coa paleta do outono, seino de certo, porque os castiñeiros van espindo sixilosos a alma, déixana caer perseguindo as pingas de auga que antes tiraron a caldeiros os deuses, celtas, por suposto. Unha longa alfombra salpicada de redondas espiñas deslízase silandeira a beira dun río que bule presuroso, porque non quere chegar tarde a esta festa…
Saen ó camiño os boletus, os coprinus, tamén as amanitas, as vermellas… badéanme os pasos ata chegar cabo de min ó vello muiño… ó seu carón, nun souto de árbores centenarias, unha delas, cun enorme burato no peito, amósame a vida que está por chegar… sigo o río, e tamén están alí, afortunadamente en minoría, os eucaliptos… ás miñas costas, unha enorme garza desprégase como un abano de ás inmensas, e camiño, camiño, camiño e en apenas uns metros de baixada, sinto o ruxido forte, intenso, a humidade, o aire, a vida, porque a maxestuosa seimeira de Vilagocende estame a mollar a cara ó final do día… e entón pecho os ollos e respiro forte, porque nese bafo xeado, nese salto de vida, sei que navega tamén a miña.

Comparte nas túas redes sociais ou por email