Ricardo Carvalho Calero. Día das Letras Galegas 2020

Categoría: Nova

O Día das Letras Galegas homenaxea, este ano 2020, a Ricardo Carvalho Calero. Unha das personalidades máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, enteiramente entregada ao ideal patriótico.⁣
Na Editorial Galaxia celebrámolo rescatando títulos seus coma A xente da barreira, Contos populares da provincia de Lugo, editado hai moitos anos na colección Centro de Estudos Fingoi e para o que Carvalho Calero fixo o prólogo, ou Historia da literatura galega contemporánea. A delicada situación actual, fixo que este último título vira paralizada a súa impresión, polo que verá a luz nas vindeiras semanas.
Tamén outros autores coma Carmen Blanco, con Conversas con Ricardo Carballo Calero, ou Henrique Rabuñal, a través de Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra, rinden homenaxe á súa figura.
Catedrático de Lingüística e Literatura Galega e escritor. Licenciado en Dereito e Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutor en Letras pola Universidade Central de Madrid, foi o secretario do Seminario de Estudos Galegos e partillou os principios políticos do Partido Galeguista (1931). Foi membro da Real Academia Galega.
A partir de 1970 foi o principal teorizador e defensor das teorías do reintegracionismo lingüístico co portugués, como vía para a normalización do galego. Do seu traballo académico destacan a Historia da literatura galega contempóranea (1975) e mais Estudos rosalianos (1979). Como poeta, iniciouse en castelán con Trinitarias (1928) e La soledad confusa (1931), para continuar en galego con Vieiros (1931) e O siléncio ajoellado (1934) ata a súa madurez en Anxo de Terra (1950). Como prosista abriu a xeira da novela galega da postguerra con A xente da Barreira (1950, Premio Bibliófilos Gallegos). Tamén cultivou o xénero dramático de xeito continuado dende 1936, con obras como A sobra de Orfeu, 1948.

Comparte nas túas redes sociais ou por email