Rexina Vega debuta, en Galaxia, coa novela “O estado intermedio”

Categoría: Nova

Rexina Vega debuta, na Editorial Galaxia coa novela O estado intermedio. Unha obra que xa forma parte do noso catálogo, na colección Literaria, onde a autora ofrece unha lectura centrada na búsqueda da identidade propia e colectiva.
Esta historia, na que Vega depositou todo o seu talento creativo, está centrada na figura dunha filla que, tras a morte do pai, decide acceder á casa familiar para facer desaparecer toda memoria.
Todo debe arder.
E baixo esta premisa, viaxamos coa súa protagonista polas vidas duns personaxes marcados polos traumas da vida. Trasladámonos, nun exercicio de reconstruír, para construír de novo a memoria, a un tempo marcado polas violencias familiares, pola dictadura e pola falta de liberdade.
A súa escrita, demóstranos a forza narrativa dunha das escritoras máis singulares da nosa literatura, capaz de crear un universo absolutamente propio a partir da palabra. Engaiólanos dende o principio e obríganos a ler e a pensar, a pensar e a revivir.
A autora mira cara atrás para idear un novo futuro na súa historia onde, todo isto, debe arder.
Rexina Vega (Vigo, 1966) é unha profesora universitaria e serodia escritora de ficción. Comezou no ámbito do ensaio filolóxico con estudos como Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (Premio Ricardo Carvalho Calero 1997) e na tradución literaria, acadando o premio Stendhal por El secuestro, versión de La Disparition, de Georges Perec. No ano 2007 decidiuse a publicar a súa primeira novela, Cardume, galardoada co premio Xerais. En 2012 publicou Dark Butterfly e en 2017 Nadie duerme, versión que aparece retroautotraducida para o galego en 2019 como Ninguén dorme. Colaborou no volume Abadessa, oí dizer. Relatos eróticos de escritoras da Galiza (2017) e na antoloxía Textos potentes. Atlas de literatura potencial, coordinada por Pablo Martín Sánchez (2019).

Comparte nas túas redes sociais ou por email