“A reflexión”, de Rosalía Fernández Rial foi elixido mellor poema no aRi[t]mar

Categoría: Nova

A reflexión, publicado no libro Árbores no deserto (Galaxia, 2020), da artista multidisciplinar Rosalía Fernández Rial, foi escollido o mellor poema de Galicia e Portugal do ano 2020, no prestixioso festival aRi[t]mar.
Este ano celebrouse a sexta edición do certame, que tivo récord de participación, pois superou os 10.000 votos para poemas e cancións, as dúas modalidades que contempla. A votación popular celebrouse en liña, aberta ao público galego e portugués, que superou os rexistros das anteriores edicións e de todas as modalidades.
Detrás do espello, todas eramos a mesma muller… así comeza o poema da artista, que podedes ver premendo aquí. Unha declaración de intencións que marca a dirección deste libro, publicado na colección Dombate de Editorial Galaxia, que é un grito contra o esquecemento de mulleres que sentaron as bases do pensamento feminista actual. Mulleres fortes e valentes que alzaron e alzan a súa voz contra o machismo e que, hoxe, son referentes. Mulleres coma Sojourner Truth, Flora Tristán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emma Goldmann, Virginia Woolf, Clara Campoamor, María Zambrano, Simone de Beauvoir, Kate Millet e Malala, están presentes nesta orixinal publicación.
Rosalía quixo rescatar, a través da súa escrita, as raíces das súas ideas que, agora, medran en nós, coma árbores no deserto. Coma árbore no deserto agroma, rizomática, a nosa arte, oasis de liberdade.
A escritora emprega a poesía como unha arma ateigada de poder, rompendo todos os esquemas, na procura dun mundo mellor.
A traxectoria de Rosalía Fernández Rial (Costa da Morte, 1988) está marcada polo seu carácter disciplinar. É filóloga, doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática pola USC e performer. Mais, sobre todo, e desde moi nova, dedícase á escrita. Proba disto son os seus libros, Bonus Track, un relato formado por vinte e dous contos tecidos con letras de cancións e derradeiras esperanzas, e Árbores no deserto, publicados na Editorial Galaxia.
Actualmente imparte aulas de lingua e literatura en Cabana de Bergantiños, forma parte da directiva da AELG, do consello de redacción da Revista Galega de Educación e de diferentes proxectos artísticos de carácter interdisciplinar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email