Puntos de vista

Categoría: Opinión

Porque teño tendencia a identificar a literatura coa poesía –no de que a poesía non coincide coa literatura non lle vou dar ao pau a Gamoneda-, pensaba eu que o texto literario se escribe desde a emotividade e que se hai que achegar á el apancada por un impulso creador inevitable, sustentado nunha carga de ions fortemente subxectivos. Isto pasaba ata hai pouco, porque unha nova afección artística chegada, tarde pero con forza, axudoume a ampliar a percepción do que é escribir o texto que adoitamos titular literatura.

Xa cerca de dous anos movéndome por entre a realidade máis tanxible cunha cámara na man, en lugar de facelo unicamente por entre a maxia e a fantasía da palabra, axudáronme a valorar elementos da creación literaria que condicionan non só os resultados senón tamén e a satisfacción de escribir.

A experiencia de captar imaxes, ademais de levarme a unha creación mixta de poemas e nanorrelatos, ensinoume a valorar as posibilidades de expresión que esconden as cousas sempre que se atine co ángulo desde o que parece quereren ser miradas. Fraccionalas, afastarse delas, achegalas, resaltar unha aresta, ensalzar un detalle, buscar sensación de fondo, valorar as texturas… Non hai realidade inservible para a fotógrafa se logra orixinalidade de colocación para conxelar a imaxe.

E isto é transferible. Ningún tema é menor no traballo da creación nin determina en por si a calidade. Calquera cousa pode desencadear un bo texto se quen o escribe se coloca cómodo na atalaia desde onde debe contemplarse para o desenvolver despois coa súa palabra.

Comparte nas túas redes sociais ou por email