Paz-Andrade, Valentín

valentin
Paz-Andrade, Valentín

Valentín Paz-Andrade (Lérez, Pontevedra 1898-Vigo, 1987) foi persoa de múltiples ocupacións e difícil clasificación: xornalista, avogado, economista, investigador literario e histórico, intelectual e activo político. Entre os acontecementos que viviu, están a ditadura militar de Primo de Rivera, a República, a frustración da autonomía galega, a Guerra Civil e a ditadura militar de Francisco Franco, a restauración monárquica, a recuperación democrática e o novo Estatuto. Atopou respostas, cando mozo, nas ideas do nacionalismo galego que confluíron na fundación do Partido Galeguista, do que formou parte. Fundou e dirixiu o diario Galicia, unha experiencia referencial na historia do xornalismo galego. Foi candidato galeguista nas eleccións de 1931, 1933 e 1936 e sobreviviu á ameaza mortal do golpe militar de Franco. Participou como profesor nos cursos de pesca que organizou a FAO en diversos países latinoamericanos.

As súas ideas de vincular o futuro político de Galicia co desenvolvemento económico articúlanse en ensaios fundamentais como Galicia como tarea (1957) ou La marginación de Galicia (1970), ademais de dar soporte teórico e práctico a empresas como Pescanova. Representou a Galicia na Comisión negociadora da Transición, entre outros con Jordi Pujol, Felipe González e Santiago Carrillo. Foi senador de 1977 a 1979 e defensor da autonomía desde posicións críticas.

Como poeta, escribiu Pranto matricial, Sementeira do vento e Cen chaves de sombra; como ensaísta, A galecidade na obra de Guimarães Rosa e Galiza lavra a sua imagen, e, como biógrafo de Castelao, a súa obra monumental Castelao na luz e na sombra.

As súas obras

Castelao na luz e na sombra
castelao
40.00€ CON IVE
Antoloxía
paz
13.10€ CON IVE