Paula Carballeira está nominada ao Premio Memorial Astrid Lindgren

Categoría: Nova

A escritora, intérprete e contacontos Paula Carballeira está nominada ao prestixioso Premio Memorial Astrid Lindgren, convocado polo Swedish Arts Council.
Todo un recoñecemento a unha carreira brillante que pon de manifesto a gran calidade das nosas letras, dentro e fóra do país. O Premio Memorial Astrid Lindgren sinala na súa lista de nominados  282 nomes, pertencentes a 71 países, entre os que destacan algúns dos creadores de literatura infantil e xuvenil máis importantes do mundo, así como promotores da lectura. É o caso das Bibliotecas Escolares de Galicia, que comparten nominación, na categoría do Estado español, xunto a Carballeira.
A creadora Paula Carballeira Cabana (Contadoris absurdus), descríbese a sí mesma coma un animal da especie dos faladores, moi común en zonas de chuvia. Adoita abrir a boca para contar historias e limpar ben as orellas para escoitalas onde queira que vaia. Gústalle comer e viaxar. Das súas diferentes viaxes pódense encontrar datos en A percura, Robin e a Boa Xente, Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima e Mateo. A súa viaxe máis recente foi a África, ás aldeas Mangalas. As últimas noticias que se teñen dela din que está a preparar unha excursión extraterrestre.
En 2006 foi a primeira gañadora do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, galardón creado polo IGAEM, pola súa obra Boas noites.
Na Editorial Galaxia publicou títulos como Olo-Iepu-Iepu, un libro divertido sobre o pracer de contar contos, O lobishome de Candán, publicado na colección Costa Oeste, amosa a historia que nutre a nosa cultura, unha historia na que os lobos visten coma persoas, pero pensan coma animais.
Na mesma colección, destaca A era do lázaro, un libro onde os mortos camiñan entre os vivos, confunden o tempo, o espazo, trastocando a rutina do cotián; en Nunca mascotas, publicado en 2016, Carballeira, conta, dende a beleza, a reflexión, á mocidade, o que pensa ela sobre a vida animal da que tamén formamos parte.
Enfocado ao público máis infantil, na colección Árbore, publicamos As outras historias, un libro que fala desas historias que non se ven, das historias que parecen as de sempre, pero en realidade, non o son. Unha lectura fascinante.
O seu último título publicado na nosa editorial é Carabela, ilustrado por Abi Castillo. Unha obra de teatro, seleccionada pola prestixiosa lista OEPLI no ano 2020, que amosa a importancia de coidar e preservar o medio ambiente.
O Premio Memorial Astrid Lindgren foi creado en 2002 polo goberno sueco para promover o dereito de todas as nenas e nenos a contar con grandes historias. Este premio mundial, otórgase anualmente a unha persoa ou organización pola súa destacada contribución á literatura infantil e xuvenil. Cun premio de cinco millóns de coroas suecas, é o premio máis grande da súa categoría. Sobre todo, destaca a importancia da lectura, hoxe e para as xeracións futuras.
Este galardón outórgase a aquelas persoas que continúan traballando co seu espírito, a través da imaxinación, valentía, respecto e empatía, mantendo o máis alto grao de excelencia artística. Defende a lectura de libros como fomento do entendemento entre persoas e culturas. O acceso á cativada e novos é unha condici´no previa para a democracia e a apertura. A propia Astrid Lindgren afirmou:
Todo o grandioso que sucedeu neste mundo sucedeu primeiro na imaxinación de alguén. Os nenos crean milagres cando len.

Comparte nas túas redes sociais ou por email