Nos 50 anos de Grial

Categoría: Opinión


Hai uns meses, mentres as miñas alumnas e alumnos de Bacharelato se concentraban nas preguntas dun exame de literatura, apoiada na mesa, lía eu o número da Revista Grial dedicado a conmemorar o seu 50 aniversario. Quixo a casualidade que un dos temas que os estudantes debían desenvolver fose precisamente “a recuperación da literatura galega na posguerra” e que os apuntamentos do seu libro de texto aludisen precisamente, ao significado papel da senlleira publicación.

No medio da proba, unha das mozas da primeira fila, preguntou sorprendida se Grial se seguía publicando. Superada a sorpresa da casualidade e practicamente sen tempo a reflexionar sobre a proximidade da nosa historia máis inmediata, ganas me deron de interromper o seu traballo e falarlles orgullosa da nosa publicación máis veterana.

Explicarlles que cada trimestre gozamos dun produto de recoñecida valía grazas á ilusión e á teimosía de Fernández del Riego e Illa Couto que aló polo outono de 1963 acordaron botalo a andar. Seria de xustiza lembrarlles ademais que con cada número, Grial vindica a nosa singularidade e riqueza no mapa da cultura universal demostrándonos a todas e todos que se trata dunha revista de altísima calidade.

Víctor F. Freixanes ten dito que o 63 foi un ano importante nas nosas letras e concordamos plenamente con el. En poucos meses apareceu Grial, conmemorouse o centenario da publicación dos Cantares Gallegos rosalianos, instaurouse o Día das Letras Galegas e materializouse o soño de Fermín Penzol a través da biblioteca que hoxe leva o seu nome. A día de hoxe seguimos gozando de toda esta riqueza e agardamos confiados que as xeracións que veñen atrás nosa poidan seguir facéndoo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email