Mercedes Corbillón

Categoría: Recensión

Podería dar un bo feixe de razóns polas que debedes ler “Aqueles días en que eramos malas, pero só vos darei cinco:
Inma, Mercedes, Margot, Valentina e Laura.
Cinco nomes propios, cinco personaxes inesquencibles, profundos, contraditorios, cribles, adoecidos, cheos de arelas que nunca se cumpren, mulleres poliédricas, un pouco malas, un pouco tolas, un pouco boas, cheas de dúbida, vítimas dos homes, vítimas da vida e vítimas de sí mesmas. E culpables. Todas elas coinciden no cárcere, e aí comenza a sorpresa.
Nos libros, onde está todo inventado, poucas veces nos encontramos con mulleres no cárcere, non por motivos políticos, senon por crimes máis ou menos dolosos, tentativas de asasinato, tráfico de drogas, pequenos atracos cos que conseguir droga, roubo de bebés… As mulleres de Inma desdóbranse, coma todos nós, coma a propia Inma que xoga co seu nome. E como se fose un xogo de bonecas rusas vai levantando unha tras outra; primeiro Inma, escritora e antigua presa, bipolar, nai, infiel, fai as veces de narradora. Esoutra Inma López Silva, escribe un libro, tal vez o derradeiro, unha novela confesión dirixida ao seu marido, á súa filla, e dentro desa narración outras, historias con nomes de muller, porque esta é unha novela femenina e feminista, unha novela escrita por unha muller para lectores intelixentes, unha novela que nos saca o sorriso en tantas ocasións a pesar da traxedia desas vidas rotas, marcadas e mancadas polo destino, e que vai facéndose máis gris, máis melancólica, e nos vai enchoupando de desazón, coma se a nós tamén se nos fose metendo a prisión dentro, e nos contaxiara esa nostalxia de tempos pasados, porque no cárcere calquera tempo pasado foi mellor, e nos entra esa néboa no alma, a mesma brétema que pode entrar calquera día de outono polas Illas Cíes a ese Vigo que tan evocador é retratado en “Aqueles días en que eramos malas”. Non a perdades.

Comparte nas túas redes sociais ou por email