María Mariño en Galaxia

Categoría: Nova

A obra literaria de María Mariño vese especialmente marcada pola súa traxectoria biográfica e as súas vivencias. A intensa maneira de sentir o paso do tempo e a paisaxe das serras do Courel, coas que conviviu durante anos, transformándose nos principais eixes dunha obra poética coa que a escritora consegue transmitir o gran desacougo vital en que se sente inmersa.

Vida e obra dunha poeta fundamental, á que se lle dedica o Día das Letras Galegas de 2007, son recollidas nestes dous libros. Na Biografía de María Mariño, Xerardo AgraFoxo combina o acceso á documentación escrita e oral co rigor do historiador e o pulo narrativo do novelista. A Antoloxía poética, preparada por Patricia Arias Chachero, abrangue unha ampla selección de poemas que se completa cunha biografía sintética e unha análise da obra poética da autora.

A terceira contribución de Editorial Galaxia ás Letras Galegas deste ano é unha novela de Antón Riveiro Coello publicada na colección Árbore. Coa figura de María Mariño de fondo, A voz do lago ofrécelle aos lectores novos un suxestivo achegamento a unha das personalidades máis singulares da literatura galega. María Mariño convértese en personaxe de ficción grazas á proposta narrativa dun dos novelistas máis destacados da literatura galega actual.

Comparte nas túas redes sociais ou por email